27 de out. de 2016

PONTEVEDRA

Aberto o prazo de inscrición para o I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico de Pontevedra 

O 10 de novembro rematará o prazo para participar neste Festival que contempla premios por un importe total de 10.000 euros 


Infogauda / Pontevedra


 'Telearqueoloxía', o I Festival de Curtamentraxes sobre o Patrimonio da provincia de Pontevedra mantén aberto o prazo de inscrición de curtas ata o vindeiro 10 de novembro. Hai que lembrar que este Festival contempla premios en dúas categorías, adultos e menores de idade, que suman un total de 10.000 euros. Así, o primeiro premio da 'Categoría Bifaces' -maiores de 18 anos- contempla unha dotación de 3.000 euros, o segundo 2.000 e o premio do público 1.500 euros. Na 'Categoría Lascas' -entre 12 e 18 anos-, o primeiro premio está dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.250 e o premio do público con 750 euros. Nesta categoría as curtas presentadas a concurso deben ter un máximo de 5 minutos de duración, mentres que na categoría Bifaces a duración máxima é de 15 minutos.  

 Este Festival de vídeo-investigación sobre o patrimonio arqueolóxico fora presentado o pasado mes de maio, data na que iniciou o seu percorrido por distintos puntos da provincia con obradoiros informativos e formativos tanto en centros escolares como en concellos e entidades relacionadas coa arqueoloxía. Contou ademais coa colaboración de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como docentes e investigadores.  

 Entre os meses de maio e xullo realizáronse un total de 17 obradoiros informativos sobre o proxecto, nos que colaboraron 24 entidades e 33 persoas físicas. Entre as entidades colaboradoras  destacan concellos como os da Guarda, Ponte Caldelas, Vigo, Ponteareas, O Grove, Valga, Lalín, Sanxenxo e Oia; e museos como o Quiñones de Leon, o Verbum, o Museo do Mar de Vigo, o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, o Museo Massó, o Museo da Historia de Valga e o Museo Municipal de Ponteareas. Tamén colaboraron o Consello da Cultura Galega, o Instituto de Ciencias do Patrimonio da USC, a Escola de Cantería, a Fundación Terra Termarun de Cuntis, o Instituto de Estudios Miñoranos,  o Centro Arqueolóxico de Tourón en Ponte Caldelas, e o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. 

 Entre as persoas físicas que colaboraron nestes obradoiros atópanse investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación como o xornalista Manuel Gago, o historiador Antonio Presas, o especialista en conservación e restauración do patrimonio arqueolóxico Fernando Carrera, o antropólogo Buenaventura Aparicio Casado, ou a dinamizadora cultural María Martín.  

 Mentres, nos centros educativos realizáronse obradoiros formativos nos meses de setembro e outubro, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Nestes obradoiros traballouse sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e como crear e editar as investigacións en formato dixital. Na comarca de Pontevedra, partiparon un total de 7 centros de ensino: os IES Xunqueira I e II, o CIFP Carlos Oroza, o CP Sagrado Corazón de Jesús, o IES Frei Martín Sarmiento, o IES de Ponte Caldelas, e o IES de Cotobade. Na comarca de Caldas participaron o IES de Valga e o IES Aquis Celenis de Caldas. Na de Vigo participaron o IES Álvaro Cunqueiro e o CPR Miralba; na do Salnés o IES Ramón Cabanillas e o IES Francisco Asorey, ambos de Cambados; na comarca do Condado participou o IES de Salvaterra do Miño; na do Baixo Miño o IES A Sangriña da Guarda; e na do Deza o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.  

 Os traballos de vídeo-investigación deben inscribirse a través dunha ficha que pode descargarse na páxina web deste proxecto ou ben remitir a curtametraxe a través da plataforma Movibeta.  

 Cada participante poderá presentar tantos traballos como desexe, que deberán levar obrigatoriamente un título, que debe ser o mesmo que debe constar na ficha de inscrición. Os nomes que figuren na ficha de inscrición tamén deberán ser os mesmos que figuren nos títulos de crédito das obras presentadas.  

 As curtametraxes presentadas deberán ter como obxectivo comunicar o resultado ou o proceso dunha investigación sobre o patrimonio arqueolóxico no que teña especial protagonismo o patrimonio presente na provincia de Pontevedra ou nos fondos do Museo de Pontevedra. Todos os traballos  deberán ser en idioma galego e deberán incluír subtítulos en inglés.   

 Unha vez rematado o prazo de recepción de traballos, conformarase o correspondente xurado que procederá á valoración das curtas. Finalmente, entre os días 14 e 16 de decembro, daranse a coñecer os e as gañadoras e realizarase a entrega dos premios correspondentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario