27 de out. de 2016

PONTEVEDRA

Preto de 1.200 persoas de 10 concellos da provincia participan esta fin de semana no programa "En ruta coa Depo" 

En total 19.000 persoas gozan, a través desta iniciativa, de alternativas de lecer dinámico e saudable para coñecer lugares emblemáticos da provincia 

Teares no Museo Etnografico Casa do Patrón, de Lalín
Foto: Infogauda

Infogauda / Pontevedra

 "En ruta coa Depo", programa da Deputación de Pontevedra xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, organiza para esta fin de semana novas saídas pola provincia, nas que van participar preto de 1.139 persoas pertencentes a asociacións dos concellos da Guarda, de Ponteareas, Vigo, Caldas, Poio, Vilagarcía de Arousa, Marín, Meaño, Mos e Baiona.  

 En concreto, nas rutas desta fin de semana participarán a Asociación Avelaíña e a Asociación de Recuperación do Traxe Galego (A Guarda); a Asociación de veciños San Gregorio de Guillade de Ponteareas; Asociación de veciños do Calvario, AVCR San Mamede de Zamáns, Asociación de Antigos Alumnos de Don Bosco, Asociación Xaruma, Asociación de Xubilados e Pensionistas Avoa e A.V. de Novo Vigo de Vigo; Asociación de Xubilados e Pensionistas Caldenses de Caldas de Reis; Centro Social do Concello de Poio; Asociación Mulleres Rurais e Consumidores de Trabanca Sardiñeira e AA.MM.RR. de Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa; Asociación Cultural Comparsa Chan do Bosque e Asociación Sociocultural Malvela de Mos; ANPA Aidon de Marín; Asociación Mulleres Rurais A Telleira de Pena de Meaño e Centro Social e Cultural de Baíña de Baiona.  

 Estas asociacións realizarán rutas polo concello de Catoira, Vilagarcía de Arousa e Cuntis; visitarán os museos de Lalín e o complexo arqueolóxico aldea de Codeseda; percorrerán Meis e Ribadumia; achegaranse a Silleda para coñecer o Mosteiro de Carboeiro, a fervenza do Toxa, castros e un taller de zocos; visitarán Cambados e Ribadumia; percorrerán o conxunto histórico do Grove e realizarán un paseo en barco pola ría de Arousa; achegaranse ata a illa de San Simón e visitarán Redondela e visitarán Pontevedra para percorrer a senda polo Río Lérez e o Apípolis e en Marín a Granxa de Briz e o lago Castiñeiras.  

 "En Ruta coa Depo" é un programa da Deputación de Pontevedra que propón alternativas de lecer dinámico e saudable pretendendo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra. Ofrecense case vinte rutas distintas por lugares emblemáticos da provincia con distintos tipos de propostas para todos os públicos: rutas dinámicas e activas para a xente máis moza, rutas interxeracionais para Anpas e familias, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas marítimas e rutas por enclaves singulares. Este programa, xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, vai permitir que, ata finais de ano, máis de 19.000 persoas coñezan mellor a provincia. Invístese un total de 238.500 euros nesta iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario