20 de out. de 2016

PESCA

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, asistiu á inauguración da Feira Internacional Expomar 2016, que ten lugar en Cabo Verde 

A Xunta apoia en Cabo Verde ás empresas galegas do sector marítimo pesqueiro na procura de novos mercados 

O director xeral estará presente nesta feira hoxe e mañá para apoiar ás empresas galegas presentes no certame na procura de contactos comerciais con empresas deste país africano  

A Xunta tamén está presente nesta feira cun stand de 36 metros cadrados de superficie, que alberga a 10 empresas e entidades, a maioría dedicadas ao subministro de instrumentos e de produtos electrónicos para barcos e ao mantemento e reparación de equipos en buques

Infogauda / Cabo Verde

 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, asistiu esta tarde á inauguración da V edición da Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2016, que se celebra na illa caboverdiana de San Vicente entre o 20 e o 22 de outubro.
 O director xeral estará presente nesta feira hoxe e mañá para apoiar ás empresas galegas que están no certame na procura de contactos comerciais con empresas deste país africano co obxectivo de afianzar as relacións pesqueiras e comerciais entre Galicia e Cabo Verde. Neste sentido, Juan Maneiro, intercambiará con empresas galegas e caboverdianas do mundo do mar impresións sobre as oportunidades de negocio e o desenvolvemento pesqueiro.
 Ademais a Xunta tamén está presente nesta feira por cuarta vez cun stand de 36 metros cadrados de superficie, que alberga a 10 empresas e entidades, a maioría dedicadas ao subministro de instrumentos e de produtos electrónicos para barcos e ao mantemento e reparación de equipos en buques. Ademais, desa decena, unha dedícase a comercializar especies de peixe capturadas pola frota de palangre de superficie.
 Un exemplo dos lazos pesqueiros e comerciais entre Galicia e Cabo Verde é o Entreposto de Frío de Mindelo, na illa caboverdiana de San Vicente, xestionado por unha sociedade composta por unha empresa galega e outra vasca. Esta infraestrutura de tratamento, conxelación e conservación de produtos da pesca entrou en funcionamento o ano pasado e serve como plataforma loxística estratéxica de distribución de produtos pesqueiros para todas as frotas que faenan no Océano Atlántico en xeral, e para a galega en particular, sobre todo para o sector do palangre de superficie, de grande importancia na zona, e para a frota atuneira.
 Ademais cabe lembrar que a principios deste ano, nunha visita do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Cabo Verde a Xunta e o goberno caboverdiano asinaron un memorando de entendemento para establecer unha colaboración permanente en materias como a pesca. Este memorando ten entre os seus obxectivos a cooperación no ámbito da pesca fomentando o establecemento dunha colaboración para o uso das infraestruturas pesqueiras e portuarias, valorando a man de obra caboverdiana e incluíndo a posibilidade de educación e formación profesional na área. Ademais, continuarase apoiando o traballo de cooperación en materia pesqueira e acuícola que vén desenvolvendo a Fundación Galega Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar.

Expomar

 A feira Expomar reúne a axentes de diferentes actividades da economía do mar e está organizada polo Ministerio de Economía e Emprego de Cabo Verde. Conta con expositores nacionais e internacionais pertencentes a sectores como o transporte marítimo, pesca e transformación de peixe, promoción empresarial, xestión portuaria, servizos náuticos, seguros, ensino, servizos financeiros, equipamentos, alimentación, seguridade marítima, turismo de cruceiros, etc.
 Ademais acolle conferencias internacionais, seminarios e obradoiros e tamén promove encontros de negocio entre empresas nacionais e estranxeiras, centros de I+D e representantes de países europeos. Ademais integra un espazo de mostra de produtos, servizos e tecnoloxías da área do mar. O ano pasado contou con 80 expositores e 3.500 visitantes. Esta feira enmárcase na celebración da Semana do Mar, que se desenvolve en Cabo Verde entre o 17 e o 22 de outubro e inclúe actividades e conferencias relacionadas con este sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario