20 de out. de 2016

CULTURA

Galiciantunes promove a música galega en Womex xunto a 23 empresas, artistas e asociacións

O conselleiro de Cultura en funcións visitou hoxe o recinto feiral no Museo Centro Gaiás, onde Galicia conta cun ‘stand’ central baixo a marca impulsada pola Agadic para a difusión internacional da nosa industria musical

As compañías galegas acreditadas representan medio cento de formacións artísticas de todos os estilos e formatos, con especial presenza da música de raíz 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; e a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto con outros representantes destas institucións, visitaron hoxe o mercado internacional instalado no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia
Foto: Conchi Paz

Infogauda / Santiago de Compostela

 A música galega conta cun espazo central no recinto feiral de Womex, que abriu as súas portas onte en Santiago e onde a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación comparte o ‘stand’ de GalianTunes con 23 empresas, artistas e asociacións profesionais.
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; e a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto con outros representantes destas institucións, visitaron hoxe o mercado internacional instalado no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia. No seu percorrido, intercambiaron impresións cos profesionais do pavillón GalicianTunes, ademais de deterse noutros espazos como os de Sounds from Spain, Sol Sonidos Latinos, que agrupa seis países americanos; ou Polonia, que acollerá a próxima edición de Womex na cidade de Katowice.

Compañías de ‘management’

 A meirande parte das compañías galegas acreditadas este ano dedícanse ao ‘management’ musical e representan medio cento de formacións artísticas de todos os estilos e formatos, con especial presenza da música tradicional e de raíz. Trátase, en concreto, de aCentral Folque, Alejandro Vargas, Budiño, Chotokoeu, Culturactiva, Cunde.gal, Fol, i-radia CREA, JAU, Kandengue Arts, Luneda Producións, Mada Producións, Mare, Merlo Branco, Mirmidón, Música no Claustro, MusicArte, Nordesía, Poliédrica e Sumrrá.
 A estas empresas e artistas súmanse, ademais, os tres principais colectivos profesionais do sector: Músicos ao Vivo, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Clubtura, a asociación que reúne as salas que programan música en directo en Galicia.
 Esta nutrida representación volve agruparse baixo a marca común GalicianTunes, promovida pola Agadic para a difusión internacional da música de Galicia tanto a través da súa presenza en feiras e festivais como da plataforma web do evento. Neste caso, o obxectivo é unir esforzos individuais e reforzar o apoio institucional ás empresas galegas nesta feira, a máis importante e influínte do circuíto internacional da ‘world music’. Máis de 2.000 delegados de todo o mundo desprazáronse ata Galicia na que é a segunda ocasión en que Womex recala en Santiago de Compostela, que xa acolleu esta multitudinaria feira en 2014.

Contactos institucionais

 Ademais dos contactos e reunións privadas que están a manter as compañías coa finalidade de aumentar a proxección internacional dos seus artistas e produtos culturais, a Agadic tamén promove diferentes xuntanzas na procura de acordos institucionais que reforcen o traballo das empresas neste mesmo sentido. Así, hoxe tivo lugar unha primeira reunión coa asociación cultural portuguesa D’Orfeu para o intercambio de bandas entre o seu circuíto e a Rede Galega de Música ao Vivo. Tamén están previstos encontros, entre outros, cos programadores e institucións de Sol Sonidos Latinos e cos representantes do British Council, Creative Scotland, Wales Arts International, Music Network de Irlanda, Spectacle Vivant de Bretaña e o Festival Intercéltico de Lorient cara á posta en marcha de iniciativas conxuntas.
 A representación galega esténdese, así mesmo, á carteleira de concertos, que arrancou onte co espectáculo inaugural no que Cuarteto Caramuxo e Talabarte compartiron escenario con Carmen París, Kepa Junquera e María Arnal & Marcel Bagés. Mañá será a quenda de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que actuarán ás 12 da noite no Teatro Principal dentro do programa ‘Atlantic Connections’, o mesmo que acollerá o sábado, ás 21.00 horas, o ‘showcase’ de Narf xunto co grupo mozambicano Timbila Muzimba. Pola súa banda, Radio Cos tocará tamén o sábado, ás 21.45, no escenario da praza da Quintana como parte da selección oficial de Womex. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario