20 de out. de 2016

PONTEVEDRA

Mosquera aspira a que a compostaxe estea implantada como sistema de xestión do lixo a mediados de 2017 nos concellos da provincia 

O vicepresidente provincial explicou que a Deputación investiu 1 de cada 280 euros gastados en 2016 no Plan Revitaliza: "é unha boa inversión porque o aforro é brutal" 

Mosquera defendeu hoxe a clara aposta da Deputación para aplicar na práctica a compostaxe como un sistema de xestión de lixo para os 62 concellos da provincia
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente César Mosquera asegurou hoxe na súa participación no seminario Composta en Rede que a aspiración da Deputación é que a mediados do ano 2017 a compostaxe estea instaurada como sistema de xestión do lixo en boa parte dos concellos da provincia coa segunda fase do Plan Revitaliza. Mosquera asegurou que durante este ano 2016 a institución provincial investiu en compostaxe 1 de cada 280 euros do seu orzamento para as colaboracións cos concellos e a instalación de composteiros en Principe Felipe, pero sinalou que os resultados foron "moi alentadores" e o aforro en gasto de tratamento de residuos foi "brutal".  

 Mosquera defendeu hoxe a clara aposta da Deputación para aplicar na práctica a compostaxe como un sistema de xestión de lixo para os 62 concellos da provincia. Destacou a velocidade na que durante este último ano se leva implantado o Plan Revitaliza e lembrou que a promoción da compostaxe foi xa recollida no pacto de goberno co PSOE en xullo do pasado ano e que xa no mes de agosto se organizou a viaxe a Navarra para coñecer in situ a súa experiencia da compostaxe xunto a 50 representantes dos municipios pontevedreses.  

 En setembro, lembrou o vicepresidente, habilitouse a dotación económica para mercar os composteiros e dende entón formáronse aos mestres composteiros, asináronse convenios coa Universidade de Vigo e co CEIDA para abordar todos os campos da compostaxe, ademais de achegarse ao traballo de colectivos ecoloxistas e de xeradores e captadores agrarios na provincia e de plantas específicas como a de Ecocelta.  Así mesmo, conseguise facer do complexo Príncipe Felipe unha illa ecobiolóxica de residuo cero na que se tratan todos os residuos orgánicos e se prepara para a reciclaxe o resto do lixo. A día de hoxe, ademais, a provincia conta con composteiros comunitarios en moitos concellos, o que pon o punto final á primeira fase do Plan Revitaliza, de organización, sensibilización e planificación.  

 A segunda fase, explicou Mosquera, comezará coa adhesión formal dos municpios ao Plan para realizar plans de residuos e seguidamente eliminar os colectores verdes da denominada fracción 'resto' e así abaratar os custes aos concellos. "Queremos que a mediados do ano próximo este sistema estea funcionando nos concellos da provincia", subliñou o vicepresidente, quen insistiu en que a coexistencia do sistema de recollida e tratamento actual xunto coa compostaxe o único que fai é encarecer o proceso. Segundo afirmou, "é preciso atacar directamente o cambio e que a coexistencia só sexa un proceso transitorio porque do contrario dificilmente se pode avanzar".  

"Nun ano amortízase"  
 En canto aos números, o vicepresidente puxo sobre a mesa que a Deputación leva investido no Plan Revitaliza 600.000 euros durante o último ano, o que supón 1 de cada 280 euros do orzamento provincial, que se destinaron á compra dos composteiros, á formación dos mestres composteiros e aos convenios coa UVigo e CEIDA. "A inversión é boa porque o aforro é brutal, sobre todo se nos concellos se consegue dar o salto que xa se produciu en Príncipe Felipe", subliñou Mosquera.  

 O nacionalista explicou que cos composteiros instalados no complexo socioasistencial conseguíronse eliminar os colectores de lixo verdes do interior e trátanse in situ todos os residuos orgánicos. "Nun ano xa se teñen amortizado os custes de instalar a compostaxe", afirmou, para asegurar que Príncipe Felipe foi o banco de probas para os concellos da provincia, xa que o seu número de usuarios faino equivalente a unha vila de entre 1.500 e 2.000 veciñas e veciños, "e demostramos que a compostaxe e viábel e sinxela", salientou. Facendo unha aplicación aos concellos da provincia, Mosquera destacou que os números están claros, xa que os concellos aforran no número de toneladas de lixo que mandan a Sogama e na tamén na recollida, pero insistiu na necesidade de facer o cambio de sistema de xestión coa maior rapidez posible.  

 Finalmente, Mosquera asegurou que a pesares de que a cidadanía a día de hoxe está a vivir "tempos difíciles",  é preciso plantexarlle "retos en positivo" como é a compostaxe para así cumprir expectativas  sociais. "A resposta ata o de agora na provincia é moi positiva, estamos a ver que moito mellor do previsto, xa que estando involucradas máis de 1.000 persoas non houbo ningún incidente", finalizou.  

Acto de apertura  
 No acto de apertura do seminario de Composta en Rede estiveron presentes a presidenta provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o alcalde de Allariz, Francisco García; e os presidentes de Adega, Amigos da Terra e Composta en Red, Virginia Rodríguez, Víctor Barro e Jorge Romea, respectivamente. 

 Carmela Silva, pola súa banda, defendeu o Plan Revitaliza como a mellor resposta ao tratamento de lixo na provincia de Pontevedra e definiuse como "unha apaixonada dun proxecto no que creo firmemente". Silva indicou a importancia de que a Deputación vaia da man da Universidade na iniciativa e subliñou que o feito de formar a profesionais para que operen na compostaxe supón crear tamén un novo nicho de actividade. "Non pode haber mellor fórmula para aplicar na provincia", salientou, ao tempo en que felicitou o traballo feito polo impulsor da iniciativa, o vicepresidente Mosquera, e do asesor de residuos, Carlos Perez.  

 "O Plan Revitaliza é unha das máis importantes apostas políticas e de medio ambiente do noso Goberno na Deputación.  Temos unha obriga co medio e co contorno para que o tratamento do lixo sexa respectuoso, e estamos orgullosos de converternos xa en referencia e de que a Unión Europea estea a recoñecer o que facemos", finalizou. 

 Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou que Pontevedra decidiu buscar alternativas para o lixo e está a traballar da man da Deputación na compostaxe. "En Pontevedra somos referentes na accesibilidade, na diminución da contaminación e na seguranza viaria. Tiñamos unha asignatura pendente na que estamos avanzando, pero é precisa a difusión e o coñecemento da compostaxe para que os veciños vexan as vantaxes. Sen a súa participación e a separación en orixe é inviable recuperar o 100% da materia orgánica e estariamos a desperdiciar unha oportunidade de aforrar, evitar a contaminación e obter unha emenda de calidade para o solo", dixo.  

 Virginia Rodríguez, pola súa banda, destacou que Adega leva dende o ano 1995 loitando contra o modelo Sogama baseado na incineración e destacou que a día de hoxe demostrouse que a búsqueda de modelos alternativos non era algo "tan equivocado". "Aquí estamos hoxe no seminario con alcaldes, deputacións e outras institución que entenden que é preciso buscar  sistemas de xestión: hai que seguir removendo conciencias", asegurou.  

 Víctor Barro,  presidente de Amigos da Terra, salientou que a compostaxe pode verse como un chanzo cara a unha sociedade "máis xusta, solidaria e sostible". "Catro de cada dez persoas respiran aire contaminado. Os veciños de Cerceda están a pagar o custe ambiental das emisións da incineración. A compostaxe pode ser unha ferramenta para paliar iso, sobre todo se é descentralizada", dixo. O centro do seu discurso, en calquera caso, estivo na necesidade de que os impostos que pagan veciños e veciñas se destinen a servizos públicos como sanidade ou educación en lugar de "irse á bolsa do lixo" pagando as taxas por recollida e tratamento de residuos. "As persoas que teñen as responsabilidades políticas teñen que decidir se queren que os impostos se sigan a converter en lixo ou facer algo produtivo con eles", finalizou.  

 Pola súa banda, o alcalde de Allariz explicou o proxecto de compostaxe de Allariz, tamén baseado nas plantas comunitarias que xurdiu como resposta, no seu día, ao canon de Sogama.

Ningún comentario:

Publicar un comentario