20 de out. de 2016

BUEU

A praza Massó de Bueu acolleu a presentación do catálogo da macroescultura 'Inés-Palmira' de José Solla 

O catálogo sobre foi editado pola Deputación de Pontevedra, e recolle información sobre esta peza de grande valor cultural e artístico para a vila buenense Catálogo José Solla 

No acto estiveron presentes o alcalde da localidade, Félix Juncal, o deputado provincial de Cultura e Lingua e tamén concelleiro buenense, Xosé Leal, os concelleiros municipais Silvia Carballo e Fidel Castro, e o propio autor, José Solla.
Foto. D.P.

 Esta mañá presentouse na Praza Massó de Bueu o catálogo da macroescultura 'Inés-Palmira' de José Solla, que foi editado pola Deputación de Pontevedra. No acto estiveron presentes o alcalde da localidade, Félix Juncal, o deputado provincial de Cultura e Lingua e tamén concelleiro buenense, Xosé Leal, os concelleiros municipais Silvia Carballo e Fidel Castro, e o propio autor, José Solla.  

 Solla mostrouse moi agradecido polo apoio mostrado pola Deputación e o Concello de Bueu e explicou que "esta obra fala do home fronte á vida, á natureza, ao traballo, aos apetitos e as inxustizas sociais". Xosé Leal apuntou que este catálogo supón "unha oportunidade para que os visitantes da escultura poidan levar un recordo dela", e Félix Juncal mencionou que "esta obra mostra o amor deste amigo Solla polo noso pobo, algo que é recíproco", ao tempo que incidiu en que "xa é todo un símbolo para Bueu" amais dun "vínculo identitario a través da cultura".  
 O catálogo que se presentou esta mañá está concibido para contribuír á difusión dunha obra que xa forma parte do patrimonio cultural da comarca do Morrazo e da provincia, reproducindo en detalle os debuxos que figuran nas dúas grandes pezas que conforman a macroescultura, e no que tamén se inclúen reseñas da obra vista pola presidenta da Deputación e polo alcalde da vila, textos que o artista loou especialmente na súa emotiva intervención. Hai que lembrar que 'Inés-Palmira' fora inaugurada no mes de outubro do pasado ano e a súa realización en pedra correra a cargo do alumnado da Escola de Cantería provincial, a partires dos gravados de José Solla. En total son máis de 500 gravados que este autor doou ao Concello de Bueu como agradecemento por dar o seu nome ao paseo de Agrelo-Portomaior. A macroescultura conforma un mosaico no que se representan escenas e motivos do que simboliza para o autor a vida na comarca do Morrazo.  

 Este conxunto escultórico componse de dous muros de granito de 5 metros de longo por 3 de alto e medio metro de ancho. Os debuxos forman cadrados cunha lonxitude de medio metro cada un, e foron esculpidos mediante a técnica de transporte dos debuxos dos vinilos ao granito en prancha e posterior pintado dos gravados.  

 José Solla, nado no lugar de Castro en Marín en 1927, vive desde 1950 en Mar de Plata, Arxentina, pero pasa grandes tempadas na vila de Bueu. No seu currículo profesional conta con numerosos premios e galardóns, entre o que destaca a Medalla de ouro en pintura na II Bienal de Arte de Pontevedra. A súa obra está en importantes coleccións oficiais e privadas.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario