1 de ago. de 2016

GALICIA

O Diario Oficial de Galicia publica a Lei da Área Metropolitana de Vigo 

O actual texto, que foi aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado mes de xullo, entrará en vigor ao mes da súa publicación  

A Lei reforma á súa predecesora, de 2012, principalmente en dous aspectos concretos: o modelo de gobernanza e as atribucións competenciais  

Infogauda / Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei da Área Metropolitana de Vigo, unha lei que reforma á de 2012 e que tras un longo proceso de diálogo acadou o consenso dos catorce concellos que a integrarán de xeito inicial.
A actual lei foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia e promulgado recentemente polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto que tivo lugar no Real Club Náutico de Vigo. O texto entrará en vigor ao mes da súa publicación no DOG.
A Lei reforma á súa predecesora, de 2012, principalmente en dous aspectos concretos: o modelo de gobernanza e as atribucións competenciais. No tocante ao modelo de gobernanza, o cambio fundamental é a adopción dun sistema de voto ponderado na Xunta de Goberno Metropolitana, o que se traduce en que o peso na toma de decisións neste órgano por parte de cada alcalde ou alcaldesa será correlativo ao peso poboacional do concello respectivo.


Ademais, como mecanismo corrector, que evite eventuais abusos de poder por parte dos municipios máis poboados, esíxese de xeito complementario que os acordos da xunta de goberno deberán ser adoptados co voto favorable de, cando menos, os alcaldes ou alcaldesas de catro concellos.

Outro cambio na gobernanza afecta ás vicepresidencias da área, que pasan a ser catro e que deberán garantir a pluralidade territorial e política, así como a paridade entre homes e mulleres. Tamén se ve afectado pola reforma o artigo regulador da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo, órgano de coordinación interadministrativa nestas materias. A persoa titular da presidencia da área pasa a ocupar a vicepresidencia desta comisión.
Por último, o mecanismo flexible que a Lei 4/2012 prevé para a incorporación de novos concellos vese complementado con outro mecanismo flexible para eventuais saídas dos municipios integrantes. Así, introdúcense dúas novas disposicións adicionais que habilitan aos concellos membros a suspender as súas achegas económicas á Área e, eventualmente, a abandonala cando constaten non se teren adherido a ningún dos servizos metropolitanos.

Competencias da área metropolitana


No que respecta ao alcance e financiamento das competencias da área metropolitana, a modificación legal inclúe dúas novidades substanciais. En primeiro lugar, prevese un mecanismo áxil para a asunción do exercicio das funcións e dos servizos correspondentes ás competencias oportunas que vén exercendo a Deputación Provincial de Pontevedra, que se une ao xa previsto para as cesións que teñan que facer a Comunidade Autónoma e os propios concellos, garantindo que as achegas económicas que acompañen a dita cesión teñan unha base obxectiva.

En segundo lugar, modifícase o artigo 21 da Lei de 2012, relativo ás competencias da área en materia de transporte público de viaxeiros. Facúltase á Área Metropolitana de Vigo para establecer os criterios de coordinación entre o transporte metropolitano xestionado por ela cos transportes urbanos xestionados por concellos integrados nela.

Para isto, créase un comité de coordinación integrado por unha persoa representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma, outra persoa representante dos concellos da área con transporte urbano e outra dos concellos carentes del. Non obstante, poderán participar nas súas reunións, con voz pero sen voto, persoas representantes de cada un dos concellos que integren a área. As propostas deste comité deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno Metropolitana e o plan de explotación do transporte metropolitano deberá ser aprobado pola Asemblea Metropolitana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario