A conselleira do Mar visitou en Boiro as instalacións de Estaleiros Triñanes
Rosa Quintana destaca o apoio da Xunta ao Plan Estratéxico da Carpintería de Ribeira e o seu valor para afianzar ao sector
Esta folla de ruta busca desenvolver a longo prazo todas as potencialidades da construción naval en madeira á vez que se promoven as súas calidades cara a un futuro máis sustentable, en consonancia cos obxectivos da Unión Europea
A titular de Mar salientou a aposta da Consellería do Mar pola construción de barcos de madeira, por tradición, adaptabilidade ao medio e valor ambiental pola súa menor pegada de carbono
Na xornada de hoxe Rosa Quintana continuará a rolda de visitas ás confrarías en Cabo de Cruz, onde se reunirá cos representantes do pósito
A conselleira do Mar visitou en Boiro as instalacións de Estaleiros Triñanes
Infogauda / Boiro (A Coruña)
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou hoxe en Boiro as instalacións de Estaleiros Triñanes. Alí destacou o apoio da Xunta ao Plan Estratéxico da Carpintería de Ribeira, elaborado pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI) a longo prazo e con horizonte 2018 para afianzar a consolidación do sector.
Así, destacou a conselleira, esta folla de ruta busca desenvolver todas as potencialidades da construción naval en madeira á vez que se promoven as súas calidades cara a un futuro máis sustentable, en consonancia cos obxectivos da Unión Europea. De feito, xorde co fin de transformar a carpintería de ribeira nunha industria máis competitiva, innovadora e coas capacidades necesarias para facer fronte aos retos empresariais a medio e longo prazo.
Para iso, lembrou a titular de Mar, ten como obxectivo principal consolidar a actividade de I+D+i das empresas pertencentes á asociación para mellorar o seu posicionamento no mercado global e favorecer o desenvolvemento da innovación nos procesos produtivos e de xestión das empresas do sector. Neste sentido, valorou a importancia da actualización permanente e da incorporación da I+D+i para afrontar retos e poder manter a construción de embarcacións tradicionais. Con esta premisa, o plan inclúe diferentes proxectos e accións nas áreas de competitividade, innovación, internacionalización, comunicación e cooperación.
Ademais, Rosa Quintana, destacou a aposta da Consellería do Mar pola construción de barcos de madeira, por tradición, adaptabilidade ao medio e valor ambiental pola súa menor pegada de carbono. Este apoio, explicou, materialízase en axudas como a do Fondo Europeo da Pesca de 145.000 euros obtida por Triñanes no 2010 ao abeiro do Grupo de Acción Costeira da ría de Arousa para a reconversión dun racú nunha embarcación de lecer.
Outra das ferramentas de apoio a este sector que lembrou a conselleira do Mar é o proxecto DORNA (Desenvolvemento Organizado e Sustentable de Recursos no Noroeste Atlántico), que se executou no marco do Programa Espacio Atlántico e que foi financiado pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( FEDER) dentro do período de programación 2007-2013. Este proxecto incluíu un Plan de mellora de infraestruturas de estaleiros tradicionais, dirixido pola Consellería do Mar co obxectivo de definir as estratexias do apoio institucional ao sector e de servir como documento de debate e reflexión tanto ás autoridades e institucións como aos carpinteiros de ribeira sobre o futuro da construción naval en madeira.
Estaleiros Triñanes
Estaleiros Triñanes empeza a súa actividade no 1978 cando o mestre carpinteiro de ribeira José Triñanes comezou a construír nunha nave de Boiro embarcacións de distintas tipoloxías como dornas, lanchas xeiteiras, pesqueiros e auxiliares de acuicultura. Actualmente este estaleiro está dirixido por Gerardo Triñanes e é membro fundador da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI).
Ao longo da súa traxectoria realizou diferentes ampliacións e adquiriu maquinaria para desenvolver a súa actividade que se caracteriza por unha combinación das técnicas máis tradicionais de construción coa incorporación das últimas innovacións que se produciron no sector. Así durante a visita Rosa Quintana puxo a este estaleiro como exemplo de empresa que aposta polo impulso do patrimonio tradicional e ao mesmo tempo pola innovación.
Visita á confraría de Cabo de Cruz
Ademais esta tarde Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez continuará coa rolda de visitas ás confrarías de Pescadores en Cabo de Cruz, onde se reunirá cos representantes do pósito. O obxectivo destas visitas é coñecer de primeira man as súas necesidades.

Ningún comentario:
Publicar un comentario