PESCA
A Consellería do Mar acondicionará un espazo da lonxa do porto da Guarda para oficinas, almacén e aula para a confraría
Portos de Galicia, vai acondicionar un espazo na lonxa da Guarda para dedicalo a oficinas, aula e almacén para a confraría de pescadores
Foto: Infogauda
Foto: Infogauda
Infogauda / A Guarda
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vai acondicionar un espazo na lonxa da Guarda para dedicalo a oficinas, aula e almacén para a confraría de pescadores. Así lle foi dado a coñecer estes días desde a Consellería aos representantes da confraría nun encontro de traballo solicitado pola patroa maior co obxecto de abordar varios asuntos relacionados co porto da Guarda.
Nesta xuntanza abordáronse aspectos como o mantemento, seguridade e limpeza das diversas instalacións e infraestruturas portuarias e tamén se falou sobre os pantaláns e peiraos para a atracada das embarcacións.
Ademais, neste concello, na zona de Camposancos, a Consellería do Mar rematou os traballos realizados na instalación que serve de embarcadoiro para o ferry de Caminha. Nesta instalación reparouse unha rampla pegada á plataforma de embarque de pasaxeiros e ampliouse en cinco metros, de maneira que incluso en baixamar poidan subir ou baixar as embarcacións no carro de transporte. Esta actuación fora solicitada pola propia confraría de pescadores da Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario