APROBADA A MOCIÓN DO BNG PARA UN PLAN DE MOBILIDADE SOSTÍBEL NA GUARDA
Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello guardés): “O Plan de Mobilidade Sostíbel debe de ir acompañado dun cambio de mentalidade á hora de iniciar calquera iniciativa en materia de urbanismo”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello guardés
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción no pleno ordinario de xullo para que dende o concello se realizase un Plan de Mobilidade Sostíbel para a Guarda. A moción nacionalista foi aprobada pola unanimidade das formacións políticas.
“Debemos afondar en programas de mobilidade sostíbel que tan bos resultados está a dar en concellos gobernados polo BNG como Tomiño ou Pontevedra”, sinala Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.
“Para o BNG o plan de mobilidade sostíbel debe ser - segundo afirma o portavoz municipal do BNG - a base de políticas encamiñadas á mellora das contorna nas que habitamos, debemos ter como referente o dereito que cada persoa ten de moverse libremente que garanta a maior independencia posíbel, dando prioridade a aqueles colectivos máis sensíbeis como os nenos e nenas, persoas maiores ou persoas con mobilidade reducida”.
A remodelación de Manuel Álvarez un mal exemplo
“O BNG advirte ao goberno municipal do PSOE que actuacións como a que se realizou na rúa Manuel Álvarez son contrarias este acordo plenario”, subliña Ángel Luis Baz.
O voceiro nacionalista relembra que “o BNG xa advertiu no seu momento da perda de espazo para os viandantes en favor dos coches, algo que é contrario á finalidade do Plan de Mobilidade Sostíbel na Guarda”.
“Para o BNG a actuación levada acabo na rúa Manuel Álvarez por parte do goberno do PSOE é claramente insuficiente, cun recorte das beirarrúas duns 500 m², en vez de ir a un proxecto máis ambicioso no que as persoas sexan os auténticas protagonistas da rúa”, conclúe o voceiro municipal do BNG no concello guardés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario