CULTURA
CHEGA A VILA GUARDESA O ESPECTÁCULO SOBRE CASTELAO “A LINGUA NA BOCA”
Será este xoves día 11 de agosto, ás 20:00 horas, no Auditorio de San Bieito
Os actores Brais Iriarte e Fran Núñez, na representación do espectáculo cómico, poético e musical “A Lingua na boca”, da compañía Limiar Teatro
Infogauda / A Guarda
A semana das Festas do Monte Santa Trega está chea de actividades de todo tipo. No plano cultural destaca o espectáculo “A Lingua na boca”, da compañía Limiar Teatro, que chega este xoves día 11 ás 20:00 horas ao Auditorio de San Bieito da Guarda.
Este espectáculo cómico, poético e musical sobre a lingua combina música e narración oral para achegar a figura de Castelao ao público actual dun xeito ameno e diferente ao habitual da man dos actores Brais Iriarte e Fran Núñez, quen tamén é o director do espectáculo.
A obra parte dos textos do propio escritor que se combinan con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do autor. Estas historias van acompañadas de temas musicais e melodías tradicionais galegas ás que dende a compañía Limiar Teatro lle dan unha volta para actualizalas, todo isto interpretado en directo con diferentes instrumentos como a frauta ou o contrabaixo, entre outras.
Dende o Concello da Guarda convídase a todos os veciños e visitantes a desfrutar dunha das numerosas actividades ofertadas na semana das Festas do Monte Santa Trega, coa que se pretende homenaxear pero tamén reflexionar sobre o legado que deixou Castelao como unhas das principais figuras da historia de Galicia e que chega ata os nosos días.

Ningún comentario:
Publicar un comentario