“NOITES NO CASTELO”, PROXECCIÓN Ó AIRE LIBRE E CONCERTO DOS CREBINSKY DE BALDE NA FORTALEZA DE SANTA CRUZ
O sábado día 9 de xullo na Fortaleza de Santa Cruz da Guarda
Infogauda / A Guarda
O concello da Guarda presentou recentemente a súa axenda de actividades para o verán, chea dunha gran diversidade de actividades, concertos e actuacións con todo tipo de música.
Entre esta grande oferta cultural destaca o programa “Noites no Castelo”, que terá lugar o sábado día 9 de xullo na Fortaleza de Santa Cruz da Guarda e que busca ofrecer unha noite de lecer e diversión nunha contorna única.
Banda Crebinsky
Os protagonistas de “Noites do Castelo” este ano son a Banda Crebinsky, unha orquestra popular que xurdiu a partires dun mundo imaxinario, o que retrata a película Crebinsky e da banda sonora creada para esta.
A noite comezará cunha charla-coloquio a cargo dos compoñentes da banda Sergio Zearreta e Enrique Otero (tamén director do filme), ás 22,00 horas. Tras esta tertulia proxectarase ó aire libre o filme ”Crebinsky”. Para rematar a velada a banda dará un concerto que comezará sobre as 00,00 horas.
A imaxe reflicte a impresionante afluenza de público na primeira edición das "Noites do Castelo"
O Concello da Guarda convida a todo o mundo a desfrutar un novo ano, de maneira gratuíta, dunha das principais datas do verán cultural guardés na que se busca revalidar o éxito da edición “Noites no Castelo 2015”, cando se sumaron á proxección da Esmorga e ó concerto do grupo A Roda preto de 700 persoas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario