11 de xul. de 2016

A GUARDA

O PORTO DA GUARDA ACOLLEU A IX EDICIÓN DA FESTA DO AVÓ   

O actor Cándido Pazó na súa actuación


Infogauda / A Guarda

 A tradicional Festa do Avó celebrouse onte, domingo día 10 de xullo pola tarde, na carpa do Porto da Guarda.  

 Esta celebración, organizada polo Club da Terceira Idade en colaboración co Concello da Guarda, ofrece aos asistentes unha variedade de música e entretemento, á vez que sirve para reivindicar a importante figura dos avós e avoas.  

Des esquerda a dereita: o párroco D. Jesús García Villadóniga; as concelleiras, Monserrat Magallanes Álvarez e María Teresa Vicente Baz; e o presidente da xunta directiva do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, Jesús Javier Martínez Pazos

 A tarde comezou pasadas as 16:00 horas co Grupo Sabor, que comezou a tocar unhas pezas de música e que acompañaría ós presentes durante toda a tarde, amenizando a celebración e levantando ós asistentes dos seus asentos  para bailar durante un bo rato. Tras estes primeiros bailes a 2ª Tenente de Alcalde, Montserrat Magallanes, dixo unhas verbas de benvida á Festa do Avó e destacou a importancia da figura dos avós e das avoas por todo o cariño, a paciencia, as historias e ensinanzas que transmiten e toda a ilusión e importante labor que fan polos netos, e por toda a familia, que fai deles unha parte imprescindible da sociedade.  

Así estivo o interior da carpa na Festa dos Avós, ubicada no Portiño Novo

 A continuación a quenda da palabra foi para o párroco da Guarda, Don Jesús García Villadóniga, quen tamén tivo unhas palabras para os presentes. No seu discurso citou unhas frases recollidas por profesores ós seus alumnos sobre os avós, entre as que destacou unha: “Todo o mundo debería intentar ter un avó”. Así, tamén destacou a incrible forza, fidelidade e amor incondicional que nos brindan os avós e avoas, sendo un exemplo para toda a familia.  

 A charla do párroco foi seguida polo monólogo de Cándido Pazó que, como non podía ser doutro xeito, ofreceu unha actuación moi centrada no papel dos avós, avoas, pais e nais cheo de anécdotas familiares que arrancaron as risas entre os asistentes.  

Raíña e Damas do Club da Terceira Idade

 Durante a tarde tamén foron presentadas a  raíña e damas do Club da Terceira Idade, que recibiron un ramo de flores de mans da 2ª Tenente de alcalde, Montserrat Magallanes Álvarez e da concelleira de Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente Baz.  

 O remate da Festa do Avó foi ben saboroso, con rosca e sidra

 A tarde completouse cun sorteo e co reparto de rosca e sidra entre os asistentes, que remataron o día acompañando este doce con máis bailes e música ó ritmo do Grupo Sabor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario