CULTURA
A BANDA CREBINSKY PROTAGONIZOU A SEGUNDA EDICIÓN DE NOITES NO CASTELO
O público voltou a gozar coa segunda edición das Noites do Castelo
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Fortaleza de Santa Cruz converteuse no centro de atención desta pasada fin de semana na Guarda. Tras acoller a inauguración do Centro de Interpretación das fortalezas transfronteirizas, o venres día 8 de xullo, o sábado foi o escenario da segunda edición de Noites no Castelo.
Despois do éxito que tivo esta iniciativa o ano pasado, coa proxección do filme “A Esmorga”, decidiuse repetir a experiencia e aproveitar a fermosa contorna desta fortaleza para ofrecer unha película e un concerto de balde coa fin de amenizar o verán guardés.
Os escollidos para protagonizar o evento Noites no castelo deste ano foron a Banda Crebinsky, un grupo musical xurdido a raíz do mundo imaxinario creado para o filme “Crebinsky” e da banda sonora que se realizou para este.
O cinema galego voltou a Fortaleza de Santa Cruz coa proxección do filme “Crebinsky”
Pasadas as 22:00 horas daba comezo a velada cunha pequena charla introdutoria a cargo de Sergio Zearreta e Enrique Otero (protagonista e director do filme), acompañados dunhas palabras de presentación de parte da concelleira de Cultura do concello da Guarda, Elena Baz. De seguido os asistentes puideron visionar o recoñecido filme “Crebinsky”, gañador do premio a mellor guión novel do Festival de Málaga.
A Banda dos Crebinsky en pleno concerto na Fortaleza de Santa Cruz
Para rematar a xornada, pasada a media noite, deu comezo o concerto da Banda dos Crebinsky, que invitaron a todos os alí presentes a desfrutar e moverse ó ritmo da súa música, unha música que eles mesmo clasifican como composicións eclécticas-delirantes ou música popular de un país inexistente nun concerto que se estendeu ata pasadas as 2 da madrugada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario