O XII FESTIVAL DE BAILE MODERNO XAMARAINA, NOITES NO CASTELO E A FESTA DO AVÓ PROTAGONIZARÁN UNHA FIN DE SEMANA REDONDA NA GUARDA
Infogauda / A Guarda
Como todas as fins de semana deste verán, A Guarda prepárase unha vez máis para desfrutar de tres días cheos de actividades culturais, concertos e moita troula.
A diversión comeza este venres, día 8 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio San Benito co XII Festival de Baile Moderno Xamaraina.
Xa máis á noitiña, cara as 22:30 horas, a Asociación pola Recuperación do Traxe Galego da Guarda, clausurará a súa exposición anual que aínda se pode visitar na Casa dos Alonsos, coa actuación do Coro Fuscalheiro.
Un dos pratos fortes da fin de semana resérvase para o sábado 9 e terá como escenario a fermosa Fortaleza de Santa Cruz. Alí celebrarase, por segundo ano, a iniciativa Noites no Castelo que o ano pasado tivo unha gran acollida coa proxección do filme 'A Esmorga'. Os protagonistas deste ano son a Banda Crebinsky, un grupo de música xurdido dunha maneira orixinal, a partir do mundo imaxinario que retrata o filme “Crebinsky” e da música creada para a banda sonora do mesmo.
A velada coa Banda Crebinsky dará comezo ás 22:00 horas cunha charla-coloquio a cargo dos compoñentes da banda Sergio Zearreta e Enrique Otero (protagonista e director do filme). Despois da tertulia proxectarase ó aire libre o filme ”Crebinsky”. Ao remate, sobre as 24:00 horas, dará comezo o concerto dos Crebinsky para pechar unha noite redonda.
Dúas imaxes da edición precedente da Festa dos Avós, onde están a raíña e damas do Club da 3ª Idade, así como tres concelleiras
Xa para pechar a fin de semana, o domingo día 10 de xullo, a partir das 16:30 horas, a carpa do Porto da Guarda acollerá a Festa do Avó, organizada polo Club da Terceira Idade en colaboración co Concello da Guarda. A celebración estará amenizada por un baile co Grupo Sabor. Ademais contará coa charla do párroco da Guarda, Don Jesús García Villadóniga, a presentación da raíña e damas do Club da 3ª Idade, un monólogo a cargo de Cándido Pazó, un sorteo, e rosca e sidra para tódolos asistentes.
Dende o concello da Guarda anímase a todos os veciños, veciñas e visitantes a achegarse e desfrutar dalgunha, ou de todas, das actividades para os diferentes públicos e gustos que amenizarán a que promete ser unha soleada fin de semana de xullo.



Ningún comentario:
Publicar un comentario