11 de xuño de 2016

O ROSAL

O BNG DO ROSAL PIDE A DIMISIÓN DO CONCELLEIRO DE DEPORTES 

Ánxela Fernández Callís (concelleira portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello do Rosal): “O alcalde do Rosal recoñeceu no pleno que o seu Concelleiro de Deportes, D. Ángel Martínez, construíu ilegalmente, sen licenza municipal, na parcela da súa vivenda”.

Ánxela Fernández Callís, concelleira portavoz do BNG no Concello do Rosal

Infogauda / O Rosal

 O alcalde do Concello do Rosal, Jesús María Fernández Portela, do Partido Popular, con maioría absoluta na Corporación Municipal, ten enriba da mesa unha difícil papeleta, pola cal, máis cedo que tarde, deberá tomar unha iniciativa que resolva a cuestión de un xeito digno. O problema que deberá solucionar o rexedor ten súa orixe nunha irregularidade, presuntamente cometida por un membro do seu equipo de goberno. De ser así, todo parece indicar que algunha persoa que desempeña un cárrego público no concello rosaleiro, poida que haxa incurrido nun delito urbanístico. 

 De feito que ante unha pregunta formulada pola voceira do BNG do Rosal, Ánxela Fernández Callís, o alcalde do Rosal recoñeceu no pleno que o seu Concelleiro de Deportes, D. Ángel Martínez, construíu ilegalmente, sen licenza municipal, na parcela da súa vivenda.  

 Desde o BNG do Rosal consideran que esta é unha infracción moi grave por parte de alguén que ocupa unha responsabilidade política.  

 “Este señor, cando asumiu a responsabilidade de ser concelleiro, ó igual que fixemos todos os que asumimos esta responsabilidade política, prometeu ou xurou a Constitución. No artigo 14 da mesma establécese a igualdade de todos os cidadáns ante a lei.  

 Polo tanto, ser concelleiros ou concelleiras non nos outorga ningún privilexio nin beneficio persoal. Todo o contrario, outórganos unha responsabilidade seria ante todos os veciños, cunha actuación que debera ser sempre exemplarizante.  Ademais, o noso alcalde, como máximo representante e cargo público da institución pública do Concello do Rosal, ten a obriga de cumprir a lei e facer que se cumpra. D. Ángel Martínez, que ocupa un cargo de resposabilidade no goberno municipal sendo Concelleiro de Deportes, creuse coa potestade de saltarse a lei, a súa promesa constitucional e a exemplaridade e responsabilidade requiridas de alguén que asume un cargo público ante os seus veciños, que cumpren coas súas obrigas legais”, segundo afirma Ánxela Fernández Callís.  

 Segundo pudo saber Infogauda, desde o BNG do Rosal xa lle pediron no pasado pleno do 28 de maio ó concelleiro de deportes e ó señor alcalde que se dirimisen as correspondentes responsabilidades políticas, que pasan pola dimisión. Para eles, os veciños do Rosal merecen representantes que actúen coa exemplaridade, honestidade e a legalidade que require a representación pública e política da veciñanza e da cidadanía no seu conxunto.  

 Así mesmo, consideran inaceptable que o alcalde, coñecedor da ilegalidade cometida polo seu concelleiro, non tomase ningunha medida no senso da responsabilidade política esixíndolle a dimisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario