CONCENTRACIÓNS POR PALESTINA NA GUARDA E EN TUI
• O día 22 de setembro, ás 20:00 horas, na praza de Avelino Vicente (A Guarda) e no paseo da Corredoira (Tui)
Baixo Miño con Palestina
Baixo Miño con Palestina, colectivo de solidariedade co pobo palestino da nosa comarca, chama novamente á mobilización. Adherimos á xornada convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina para o vindeiro luns 22 de Setembro. Serán 43 as localidades galegas que se mobilicen nesta ocasión, renovando o compromiso de non dar un paso atrás na loita por acabar co maior crime humanitario das nosas vidas, o xenocidio en Gaza.
Nesta ocasión, á habitual concentración na praza Avelino Vicente da vila da Guarda, ven sumarse a convocatoria que facemos tamén en Tui, na praza da Inmaculada, ambas ás 20:00 horas. Debido ás obras en curso da praza da Inmaculada, concentrarémonos diante da mesma, no paseo da Corredoira.
A fame, empregada como arma de guerra, continúa a segar vidas en Gaza e nos últimos días a propia ONU recoñecía que Israel está a cometer un xenocidio. Os seus investigadores estiman en 680.000 o número máis probábel de persoas asasinadas, o que suporía en torno a 2/3 da poboación da provincia de Pontevedra, para facérmonos idea da brutalidade do que está a acontecer.
Na Guarda e en Tui, manifestaremos xunto a outras 41 localidades do país a nosa determinación en incrementar a presión sobre os patrocinadores occidentais de Israel, para pór fin ao masacre e contribuir á liberación da Palestina
Ningún comentario:
Publicar un comentario