Abel Losada recalca o labor da EPRIF de Pontevedra na prevención dos incendios forestais
• O subdelegado afirma que UME foi decisiva no combate a catro dos sete lumes de nivel 2 declarados este verán na provincia
• Losada recalca o esforzo do Goberno de España por poñer “todos os medios posibles e un pouco máis” e destaca as contradicións da Xunta
• “A conselleira dicía en xullo que a “Operación Centinela” era suficiente con 35 patrullas e que non facía falta despregala antes do 15 de agosto; días despois o presidente Rueda reclamaba outros 500 soldados”
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou o “papel fundamental” dos medios de apoio do Goberno de España tanto na prevención dos lumes forestais como no seu combate. Despois de recibir ao xerente de Tragsa na provincia, Pedro Álvarez, e ao responsable do Equipo de Prevención Integral dos Incendios Forestais (EPRIF) de Pontevedra, Ricardo Arines, explicou que a EPRIF fixo un intenso traballo preventivo durante o inverno e que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) foi decisiva para a extinción de 4 dos 7 incendios forestais declarados emerxencia de nivel 2 na provincia durante este verán.
“O Goberno de España non ten as competencias de ordenación do monte, nin de emerxencias, nin de extinción, pero puxo un amplo dispositivo de apoio tanto na faceta preventiva como na de extinción e quen nega iso compórtase cunha lamentable deslealdade institucional”, afirmou Losada, quen engadiu que “unha cousa é apoiar e outra cousa é suplir as disfuncións da Administración competente”.
Durante a última campaña de inverno, entre novembro de 2024 e abril de 2025, a EPRIF de Pontevedra planificou e colaborou 26 “lumes técnicos” para despexar de combustible vexetal 135 Hectáreas nos concellos de Arbo, Fornelos, Campo Lameiro, As Neves, Oia, A Lama, Mondariz, Pazos de Borbén, Tomiño, Lalín, Gondomar, A Cañiza, Agolada e Rodeiro. Ademais coordinou un desbroce mecanizado de 9,5 Hectáreas en Crecente para protexer repoboacións e masas de frondosas. O seu balance de actividade inclúe tamén cinco sesións formativas preventivas no Centro Forestal de Lourizán, nos IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) e no Día da Árbore nos distritos forestais XVII e XIX.
Abel Losada felicitou á EPRIF por este importante labor e recordou que todas estas actividades fanse en coordinación coa Xunta de Galicia como Administración competente. O traballo da EPRIF céntrase tamén en cuestións como a elaboración de plans integrais de queimas controladas por montes ou zonas concretas, así como a recompilación e análise dos datos dos resultados, ademais de facer propostas de desbroces preventivos.
A EPRIF de Pontevedra foi creada en 2002, inicialmente con base en Ponteareas, pero dende 2023 asumiu o reto de coordinar queimas controladas en toda a provincia polo que se trasladou á cidade de Pontevedra.
Por outra banda, Abel Losada aplaudiu o traballo inxente da UME na provincia e en toda Galicia e subliñou que foi protagonista na extinción dos incendios de A Cañiza, As Neves, Salceda de Caselas e Vilaboa. O subdelegado recordou que a base da UME en León “cubre con rapidez tódalas demandas que fai a Xunta de Galicia ao declarar o nivel 2 nunha emerxencia”.
O subdelegado insistiu en que o Estado puxo, durante esta vaga de lumes, “tódolos medios posibles e un pouco máis nun escenario moi complicado, agravado sen dúbida algunha, polas políticas de recortes de varias comunidades autónomas”. “O que non é comprensible”, engadiu, “é recortar ou deixar fondos para prevención sen gastar ou ter motobombas paradas e logo cando aparece o lume, desviar a atención pedíndolle imposibles ao Estado ou á Unión Europea”. O subdelegado recordou tamén que a “Operación Centinela”, que consistiu este ano no despregamento de 35 patrullas con soldados da Brilat nos montes galegos, non arrancou ata o 15 de agosto porque así o decidiu a Xunta de Galicia. “A propia conselleira de Medio Rural dixo en xullo en Pontevedra, cando xa había importantes lumes activos, que non era necesario adiantar ou ampliar o dispositivo militar; poucos días despois o presidente Rueda reclamaba ao Goberno de España outros 500 soldados”.
Finalmente, Losada subliñou o “impagable” labor realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, moi especialmente a Garda Civil, que estivo “ao pé do canón” en todos e cada un dos lumes detectados nesta provincia. “Éncheme de orgullo escoitar a tódolos veciños afectados recoñecer que os primeiros en chegar e os últimos en marchar son os homes e mulleres da Garda Civil”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario