A EOXI de Vigo inicia as obras de remodelación da área cirúrxica do Hospital Meixoeiro
O obxecto desta obra é realizar unha zoa de recepción e vestiarios nova para os pacientes de CMA; a actuación non afectará a ningunha área asistencial
De xeito paralelo, dotarase ao bloque dunha sala de cirurxía local máis, o que permitirá atender máis pacientes
No que vai de ano o Meixoeiro efectuou 2/3 de toda a actividade cirúrxica do Chuvi
Nestes momentos, o Meixoeiro duplicou a súa actividade cirúrxica con respecto ao pasado ano, ao pasar das 3.667 intervencións rexistradas entre xaneiro e abril do 2015 ás 7.341 deste ano
Infogauda / Vigo
O próximo mércores día 1 de xuño vanse iniciar as obras de remodelación da área cirúrxica no Hospital Meixoeiro. O obxecto das mesmas é dotar a esta zoa dun novo espazo de recepción e vestiarios destinadas aos pacientes de CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria), xa que no momento actual estas instalacións presentaban limitacións espaciais ante o espectacular incremento experimentado da actividade cirúrxica. Para isto, vaise realizar unha actuación nunha zoa xeral, na que nestes momentos están emprazados un almacén, arquivos, sala de sesións e despachos. A obra non afectará a ningún área asistencial.
Con esta obra, na que o Sergas realizará un investimento de 58,624.000 euros, trátase de mellorar as condicións de confortabilidade dos usuarios así como as condicións de traballo dos profesionais, que disporán duns circuítos máis axeitados .
Ademais, de xeito paralelo, vaise dotar ao bloque cirúrxico duna nova sala de cirurxía local o que permitirá incrementar a capacidade cirúrxica do Hospital e atender así a un maior número de pacientes.
Segundo afirma o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial “esta actuación representa a aposta clara do Sergas polo mantemento da actividade asistencial do Meixoeiro e o firme compromiso institucional coa potenciación da capacidade cirúrxica deste centro”.
O Meixoeiro duplicou a actividade cirúrxica
Nestes primeiros catro meses do 2016 o Meixoeiro duplicou a súa actividade cirúrxica con respecto ao ano anterior. Así, de xaneiro a abril do 2015, contabilizáronse 3.667 intervencións fronte ás 7341 deste ano. A día de hoxe, neste hospital realizase 2/3 de toda a actividade cirúrxica do Chuvi.
Entre os servizos que maior número de procedementos cirúrxicos realizaron cabe subliñar a Oftalmoloxía (3.142); Cirurxía xeral e dixestiva (1.350); Traumatoloxía (628); Uroloxía (523) e Dermatoloxía con 403. A continuación situaríanse os servizos de Xinecoloxía, Otorrinolaringoloxía, e Neurocirurxía...
Na actualidade, o bloque cirúrxico do Meixoeiro dispón de 12 quirófanos e unha sala de cirurxía menor. Nestas instalacións realízanse tres tipos de modalidades cirúrxicas: cirurxía con ingreso e curta estadía; CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria) ou procedementos que requiren técnicas anestésicas aínda que o paciente vaise de alta no mesmo día; e cirurxía local (sen anestesia).
Liña estratéxica de actuación
A ambulatorización dos procesos cirúrxicos era, e continúa sendo, unha das liñas de actuación estratéxicas no Plan Funcional da área de Vigo, unha vez posto en funcionamento o Hospital Álvaro Cunqueiro.
O novo edificio hospitalario está deseñado como un centro de atención a pacientes agudos e críticos, adicado ás patoloxías de maior complexidade; mentres que o hospital Meixoeiro se focaliza hacia a cirurxía de curta estadía e a Cirurxía Maior Ambulatoria.
A porcentaxe de procesos cirúrxicos susceptibles destas modalidades cirúrxicas crece constantemente. O desenvolvemento desta modalidade é viable grazas ás técnicas anestésicas máis actuais e aos modernos procedementos cirúrxicos en patoloxías que fai uns anos dificilmente poderían realizarse de forma ambulatoria.
As vantaxes da implementación deste programa son evidentes: permite avanzar na lista de espera cirúrxica, un maior incremento do rendemento de quirófanos e de rotación de camas de hospitalización. Sen embargo, os beneficios máis subliñables son para os pacientes e as súas familias, xa que ao evitarse o ingreso hospitalario, con toda a repercusión que este feito conleva para a a Unidade familiar, increméntase considerablemente a calidade das prestacións asistenciais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario