28 de maio de 2016

GALICIA

O director xeral de Emerxencias e Interior destaca o compromiso da Xunta de Galicia coa educación e a seguridade viaria 

Luis Menor participou hoxe na inauguración do I Congreso galego de seguridade viaria ‘cidade de Narón’, no que participa a Academia Galega de Seguridade Pública 

No que levamos de ano a AGASP xa realizou dez cursos de formación continua na materia, formando a máis de 200 profesionais da Policía Local e da Garda Civil  

Infogauda / Narón

 O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, participou esta mañá na inauguración do I Congreso galego de seguridade viaria ‘cidade de Narón’, no que participa a Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP.
 Luis Menor, que estivo acompañado do alcalde da localidade, José Manuel Blanco, destacou a importancia que a educación e a seguridade viaria ten para a AGASP, ao constituír un dos piares básicos na formación continua que reciben os policías locais de Galicia.
 Neste sentido, avanzou o proxecto de constituír un itinerario formativo en seguridade viaria para a Policía Local e a Garda Civil, onde a educación viaria ocupara un posto determinante, considerando aos propios axentes como os mellores transmisores desta información.
 De feito, no que levamos de ano a AGASP xa realizou dez cursos de formación continua na materia , formando a máis de 200 profesionais da Policía Local e da Garda Civil. Ademais, colabora con entidades e administracións en todas as iniciativas, onde a seguridade, en especial a vial, figure como obxectivo primordial. As xornadas desta mesma mañá en Narón son un exemplo claro deste compromiso.
XI Xornadas Estatais de Educación Viaria 
 Entre os días 18 e 20 de maio, a AGASP tamén acolleu a celebración das XI Xornadas Estatais de Educación Viaria, co obxectivo de consolidar e mellorar as accións destinadas ao desenvolvemento da educación viaria para que sirvan de ferramenta á hora de previr ou minorar a incidencia dos accidentes de tráfico.

 Así, ao longo dos tres días que durou este evento, presentáronse proxectos de educación viaria que se están levando a cabo en toda España e numerosos obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías e a súa aplicación á seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario