1 de abr. de 2016

PONTEVEDRA

No pleno provincial que se celebrou na mañá de onte venres, na Deputación de Pontevedra,  o bipartito rexeita a proposta do PP para aprobar axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia  

Recordan que nas Olimpiadas de Londres 2012 repartíronse 100.000 euros para colaborar cos gastos derivados da súa preparación e participación nos xogos. 

Jose Enrique Sotelo subliñou que “até agora a Deputación sempre demostrou unha gran sensibilidade co traballo e co esforzo dos deportistas”.

Jose Enrique Sotelo Villar - a esquerda da imaxe - xunto con Ángel Moldes Martínez - portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra e o deputado Luis Aragunde Aragunde
Foto: Arquivo Infogauda

Infogauda / Pontevedra

 O goberno bipartito da Deputación de Pontevedra rexeitou no pleno de onte venres día 1 de abril, a proposta do grupo provincial do Partido Popular para aprobar unhas bases de axuda coas que colaborar cos gastos derivados da preparación e participación dos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia. O deputado popular, Jose Enrique Sotelo, subliñou que “até agora a Deputación de Pontevedra sempre demostrou unha gran sensibilidade co traballo e co esforzo dos deportistas”, e animou ao goberno a “continuar con esta importante labor e renovar este apoio económico”.  

 Nesta liña, Sotelo pediu que “non se esquezan” dos deportistas. “Estamos a cinco meses de que se inauguren os Xogos, e é de xustiza recoñecer a súa labor e o seu esforzo”, engadiu. Así, defende que “desde o Partido Popular sempre se tivo moi presente e valorou todo o esforzo que supón ser deportista de élite, tanto a nivel profesional como persoal, o tempo, a cantidade de horas que se teñen que dedicar ao deporte profesional, e a participación en competicións para poder cumprir co calendario deportivo”. Por este motivo, en ano olímpico reivindica “todo o apoio e todo o recoñecemento para eles”.  

 O deputado popular entende que “a Deputación de Pontevedra sempre foi a institución do deporte. E hai cousas que, independentemente de quen as faga, se están ben feitas non hai por que cambialas, e no caso das axudas e o apoio aos deportistas olímpicos e paralímpicos había un traballo ben feito”. O deputado di que “os deportistas desta provincia marcaron un fito, e aí están os seus éxitos para demostralo”.  

 En Pekín 2008, a Deputación de Pontevedra repartiu 50.000 euros entre os deportistas olímpicos David Cal, Carlos Pérez, Teresa Portela, Tamara Abalde, David Gómez, Fernando Echávarri, Antón Paz, Santi Pérez e os paralímpicos Pablo Cimadevila e Chano Rodríguez. Na última convocatoria olímpica, Londres 2012, a axuda duplicouse a 100.000 euros, dos que 80.000 foron para os olímpicos Begoña Fernández, David Cal, Teresa Portela, Beatriz Gómez, Tamara Echegoyen, Pablo Cimadevila, e 20.000 repartíronse entre os deportistas paralímpicos Chano Rodríguez, Juan Saavedra e Gustavo Neves.

Ningún comentario:

Publicar un comentario