A conselleira do Mar participou esta mañá na presentación do material audiovisual animado para promover a campaña
Preto de 40.000 escolares galegos participaron nas actividades do programa ‘O sabor da aventura está no mar’
Os vídeos distribuiranse en varios colexios da nosa comunidade para que os docentes os empreguen nas aulas
A Consellería do Mar fomenta o consumo de peixe nas idades infantís e xuvenís a través de actuacións lúdicas e formativas que faciliten o seu coñecemento e consumo
Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta mañá na presentación do material audiovisual animado da campaña “O sabor da aventura está no mar” para promover o consumo de peixe entre os máis pequenos. A través desta iniciativa, posta en marcha pola Consellería do Mar no 2010, preto de 40.000 escolares galegos participaron nestas actividades organizadas co fin de fomentar este hábito.
Ao acto, ao que asistiron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, consistiu na presentación de 7 vídeos, un por cada unha das personaxes que compoñen o grupo dos Arroases (a pescada, o mexillón, o rodaballo, a troita, o lirio, a sardiña e o xurelo). O material complétase cun episodio de maior duración que conta unha aventura dos superheroes. Durante o acto os nenos prepararon unhas pizzas a base de produtos do mar seguindo as indicacións das súas personaxes favoritas e procederon a continuación á súa degustación.
Coa presentación destes debuxos animados, a Consellería do Mar busca fomentar nos máis cativos o consumo de peixe fresco dunha maneira máis directa. Este material audiovisual suporá unha boa forma de facelo e para iso será distribuído en varios colexios da nosa comunidade para que os docentes os empreguen nas aulas.
Iniciativas coma esta achegan o coñecemento do peixe galego e os seus valores nutritivos aos nenos e nenas dunha forma amena, sinxela e formativa, a través dunha campaña que busca aumentar o interese dos rapaces por estas especies.
A campaña na rede
O material audiovisual animado de “O sabor da aventura está no mar” estará presente proximamente na rede a través do espazo web. Neste enlace os docentes e os propios nenos e nenas poderán descargar ademais fichas informativas das especies e unidades didácticas, que lle permitirán profundar na materia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario