Presentación da reedición de Historias de Compostela, de Xosé Filgueira Valverde
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora coeditan, traducidas ó galego, as Historias de Compostela de Filgueira Valverde, libro que se presentará o mércores 24 de febreiro, ás 20 horas no salón de actos do Sexto (Museo de Pontevedra).
Infogauda / Pontevedra
Unha das obras fundamentais de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) é esta Historias de Compostela, que viu a luz en 1970 na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos e aparecen agora por vez primeira traducidas ao galego.
No novo limiar que acompaña a presente edición, o arquitecto e ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez, resume así a esencia das dezasete crónicas que integran este volume: “Hai na obra de Filgueira un ostinato compostelán coa súa historia propia e europea, que vai do acibeche ou o gravado á grande arquitectura, de Xelmírez a Quevedo, das cantigas afonsinas ao esplendor do Camiño”.
Foron varios os centos de traballos que Xosé Filgueira dedicou ao seu adorado Santiago. Nestas Historias o escritor vese a si mesmo coma un “recomptador”, ou recompilador, daqueles que andaban os camiños da vella Europa contando relatos e cantando melodías, dos que armaban crónicas para facer máis doada a peregrinación de todos aqueles que ansiaban Compostela
Ningún comentario:
Publicar un comentario