Os deputados populares visitaron esta mañá as instalacións e reuníronse cos traballadores Ángel Moldes: “o Parque de Maquinarias é o reflexo da parálise que teñen a Deputación e a provincia con este goberno”
• O deputado Luis Aragunde criticou que os concellos teñan que contratar empresas privadas cando as máquinas e o persoal están parados
• Denuncian que están deixando morrer un parque de maquinarias referente en Galicia, e que está valorado en máis de 5 millóns de euros
Os deputados populares Ángel Moldes e Luis Aragunde mantiveron unha reunión co persoal no Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
O Partido Popular denuncia o estado de paralización absoluta que sofre o Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra, que desde o mes de agosto, no que se retiraron as máquinas dos concellos, non se volveron a mover do sitio. Ata as instalacións desprazáronse esta mañá os deputados populares Ángel Moldes e Luis Aragunde, que comprobaron como todas as máquinas do parque estaban aparcadas e os propios traballadores do servizo parados. Para o voceiro dos populares, “esta imaxe é o reflexo do que é realmente a nova Deputación de Pontevedra. O Parque de Maquinarias é un claro exemplo da parálise que teñen a institución e toda a provincia con este goberno”.
Ángel Moldes e Luis Aragunde supervisando á maquinaria no Parque da Deputación de Pontevedra, en presenza do representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro
Acompañados polos traballadores e polo representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro, os deputados fixeron un percorrido por todas as instalacións. Valoraron en máis de 5 millóns de euros toda a maquinaria que está parada, e que facían que o Parque de Maquinarias da Deputación de Pontevedra fora un referente en Galicia. Ademais, a planta de aglomerado, da que saían 1.000 toneladas diarias, tamén está parada, así como os aproximadamente 40 traballadores do servizo.
ABANDONO AOS CONCELLOS
Os populares denunciaron a mala xestión do bipartito, que teñen en total abandono aos concellos mentres todas as máquinas e o persoal están parados. Non entenden que desaproveiten os recursos humanos e profesionais que hai no servizo.
Os deputados populares Ángel Moldes e Luis Aragunde co representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro
O deputado Luis Aragunde criticou que “os concellos se están endebedando, teñen que contratar empresas privadas para manter os viais municipais e provinciais cando a maquinaria e o persoal da Deputación están parados, sen funcións nin traballo, durante toda a mañá”. Recordou, ademais, que estas máquinas daban un servizo moi importante a todos os concellos pequenos da provincia.
Pola súa parte, o representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro, agradeceu o interese amosado polo Partido Popular para buscar unha saída a “esta situación penosa”. Criticou que o novo bipartito está facendo unha política en contra dos intereses da cidadanía, xa que “o parque de maquinarias e os traballadores están parados cando hai necesidades que cubrir en todos os concellos”.
“Están deixando morrer isto para logo sacar rendemento ás empresas privadas. Fixeron unha trampa cos orzamentos deste ano, dan máis ou menos a mesma partida económica que o ano anterior, pero ao mesmo tempo restan capacidade operativa”, engadiu o sindicalista. “Polo tanto, nós queremos reclamar que o que ten que facer este goberno é poñerse a traballar canto antes para dar a viabilidade que ten o Parque de Maquinaria, e garantir que teña futuro que se debe, e non deixar morrer isto para logo meter eles as súas empresas privadas para logo sacarlle a rendibilidade”.
TRASLADO DO PARQUE
Sobre a posibilidade de trasladar o parque de maquinaria, os populares foron contundentes. O popular Luis Aragunde considera que é unha posibilidade sempre e cando haxa un proxecto, prazos e orzamento para construír as novas instalacións. “Do que non estamos de acordo é do desmantelamento do parque de maquinarias e que o deixen morrer, que é o que están facendo. As máquinas estropéanse máis paradas que en uso. E outra cuestión que nos preocupa é que vai pasar cos traballadores”.
MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS
O voceiro dos populares valorou en máis de 5 millóns e euros toda a maquinaria do parque. Só o equipo completo de aglomerado, composto por unha estendedora e tres pisóns, ten un custe aproximado de 600.000 euros. A este hai que sumar o resto de maquinaria: 4 limpiapraias, 4 desbrozadoras, 4 niveladoras, 2 máquinas de cadeas, 2 pisóns, 2 cisternas de asfalto, un camión de bacheo, 1 retroescavadora, 3 palas mixtas, 6 camións, 1 camión góndola, 1 pala cargadora, unha cisterna de auga e un camión grúa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario