Medra o arboreto de Mougás
· A
mañá do venres día 19 de febreiro, plantáronse outras 40 árbores máis no arboreto.
· A
maioría das árbores foron doadas por persoas de todo o mundo durante a campaña
de micromecenado Costa dos Castros
· Entre
as especies plantadas, varias autóctonas galegas recuperadas polo Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do
CSIC
Escolares do CEIP Mestre Manuel García, de Oia axudaron a plantar ás árbores
Fotos: Costa dos Castros
Úrsula Neilson / Mougás
Case noventa escolares
do CEIP Mestre Manuel García, de Oia, axudaron a plantar corenta árbores para un
xardín botánico de diferentes especies arbóreas, impulsado pola Comunidade de
Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros.
É novo aínda, pero
o arboreto de Mougás xa ten varias historias que contar. Comezou a medrar en
2015 coa axuda de escolares de Oia e Santiago. Foi tamén nese ano cando se
lanzou una campaña de micromecenado para ofrecer a posibilidade á xente de
comprar unha árbore e apoiar a iniciativa.
Así sumáronse 37
árbores, grazas á colaboración de persoas de todo o mundo dentro do
micromecenado que o proxecto Costa dos Castros lanzou xunto coa empresa social
británica DigVentures. Estas árbores son as que escolares de Oia plantaron o
pasado venres coa axuda da Asociación de Veciños de Mougás.
Cada árbore vai
acompañada dunha etiqueta co nome científico, nomes comúns en galego e inglés e
tamén o nome do seu doante. Nalgún caso, o doante elixiu dedicar e regalar a
súa árbore a un ser querido, á súa parella, aos seus pais, fillos,..., ou incluso
a toda a familia, como foi o caso de Nieves Vidal.
Nieves Vidal soubo
do proxecto Costa dos Castros nunha visita guiada á escavación no castro da Cabeciña
(Mougás) en agosto 2015. Cando viu que tiña a posibilidade de colaborar económicamente,
non o dubidou. Debido ao seu traballo – no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IAG) do
Consello Superior de Investigacións Científicas – ten unha sensibilidade
especial cara ao proxecto do arboreto. Ademais, ten unha vinculación familiar
coa zona, dende que os seus pais fixeron unha casa en Pedornes (Oia) canda era
unha rapaza.
Nieves mercou nove árbores a través do micromecenado Costa dos Castros,
pero ademais involucrou ao IAG para aportar outras 20 árbores de diversas
especies autóctonas galegas recuperadas por este instituto. A Ameixeira Collón
de Frade Negro, a Cerdeira de Viño, a Pereira Manteiga País e o Bidueiro de
Santiago son algúns dos curiosos exemplares doados.
As árbores do IAG súmanse a castiñeiros, sobreiras, loureiros,
diferentes árbores froiteiras, e así ata corenta especies diferentes que foron
plantadas no aboreto de Mougás.
O arboreto atópase debaixo da Casa Forestal de Mougás, no inicio da
pista que vai cara as pozas de Mougás e o castro da Cabeciña. A Comunidade de
Montes espera nos próximos anos crear unha senda botánica entre o arboreto e A
Cabeciña, substituíndo os eucaliptos, que xa se empezaron a talar este ano, por
novos exemplares das especies do arboreto.
Esta iniciativa da Comunidade de Montes de Mougás forma parte do
proxecto Costa dos Castros, que nas próximas semanas presentará a súa
programación para 2016 e unha nova campaña de micromecenado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario