23 de feb. de 2016

GALICIA

A conselleira do Mar foi entrevistada hoxe no programa Bos Días da Televisión de Galicia 

A Xunta de Galicia comunica ao sector a anulación do borrador de Lei de acuicultura e a súa retirada da exposición pública 

Fíxoo a través dunha misiva da conselleira do Mar, Rosa Quintana, remitida hoxe aos preto de 300 directivos do sector aos que se enviou este borrador de lei 

Nela explica que o fai para “garantir que non se levará a cabo ningún labor que puidera ser entendido como contrario ao propio sector” 

Lembrou que o texto non estaba en ningún trámite administrativo e que estaba a exposición pública “para ser mellorado coas achegas do sector” 

Lamentou que o sector “que me coñece dende 1987, se deixara levar polas mentiras” que se difundiron sobre os contidos do anteproxecto de lei  

Infogauda / Santiago de Compostela

A Xunta está a comunicar ao sector a anulación do borrador de lei de acuicultura e a súa retirada da exposición pública. A través dunha misiva, remitida hoxe aos preto de 300 directivos do sector aos que se enviou este borrador de lei, a conselleira do Mar trasladoulles esta decisión.
Na carta, a conselleira explica que “no ánimo de garantir que non se levará a cabo ningún labor que puidera ser entendido como contrario ao propio sector” comunica de xeito oficial “a anulación do devandito borrador de lei, a súa retirada da exposición pública e a decisión de non iniciar ningún trámite administrativo ou lexislativo neste ámbito e con este texto proposto”.
Ademais a conselleira explicou no programa Bos Días da Televisión de Galicia que “hoxe mesmo pola mañá dei orde de que se retire de exposición pública o borrador da lei”. “Que se esquezan, porque non se vai tramitar ningún borrador de Lei de acuicultura en Galicia”, sinalou Rosa Quintana ao tempo que asegurou que “cando dou unha palabra, cúmproa”.
A titular de Mar lembrou que o texto non estaba en ningún trámite administrativo e que estaba a exposición pública “para ser mellorado coas aportacións do sector”. Ante as alegacións que presentaba a maior parte do sector de paralización, o propio presidente da Xunta anunciou que se paralizaba e abriuse un prazo para poder facer grupos de traballo e discutir aspectos positivos e negativos co sector sobre este borrador de lei. “Parece que isto non foi suficiente”, sinalou Rosa Quintana e “se o sector considera que non é bo manter unha ordenación desta actividade para Galicia, deixamos de ordenar esta actividade, polo tanto non hai lei”.
Rosa Quintana lamentou que o sector “que me coñece dende 1987, se deixara levar polas mentiras” que se difundiron sobre os contidos do anteproxecto de lei. Sinalou, por exemplo, que se dixo que “se ían encher as rías de especies exóticas e carnívoras”. Neste sentido, sinalou que, especies como a ameixa xapónica, a ostra rizada ou a troita arco iris coas que traballa o sector, son exóticas.
“Hai quen quere transmitir unha imaxe negativa do sector pesqueiro e eu o que quero transmitir á sociedade é todo o contrario, xa que na pesca marisqueo e acuicultura pode xerarse riqueza, benestar e nesa liña imos seguir traballando”. Así, engadiu, “sempre estiven, estou e estarei na defensa do sector pesqueiro galego e aí onde haxa que estar para negociar e conseguir melloras para o noso sector”.
Datos positivos na actividade
Neste sentido, en relación a unha pregunta sobre as posibilidades de pesca, sinalou que “dende o minuto un traballei con argumentos científicos e socioeconómicos para poder conseguir incrementar as cotas”. De feito, destacou, “dende 2009 ata este ano soamente para o cerco se incrementaron as cotas nun 56%”. Ademais, engadiu, dende 2012 ata actualidade as cotas aumentaron en máis de 80.000 toneladas e o seu valor económico en máis do 60%. Ademais Rosa Quintana destacou os datos positivos de descargas de xarda, especie na que Galicia pasou de obter un valor das descargas de 3 millóns de euros no 2013 a máis de 10 millóns no 2014.

En relación ao marisqueo sinalou que no marisqueo a pé o valor económico das descargas aumentou arredor dun 16% e no marisqueo a flote incrementáronse as vendas nun 45% e o valor económico que se conseguiu desas vendas aumentou un 11%. Non obstante, puntualizou, “aínda temos camiño por percorrer, temos que mellorar na comercialización e eu vou seguir traballando para que o meu sector poida vivir mellor”.
No eido da formación e emprego, a conselleira, destacou que “hai posibilidades de futuro” no mundo do mar. De feito, dixo, as escolas de formación dependentes da Consellería do Mar teñen lista de espera. Ademais, engadiu, “temos gran demanda de cursos de formación en liña e de formación nos portos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario