A Consellería do Mar e os GALPs asinan os convenios para a aplicación das estratexias de desenvolvemento local nas zonas pesqueiras
Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro beneficiaranse de máis de 48 millóns de euros para a posta en marcha de proxectos que dinamicen as áreas costeiras
Para asegurar o debido cumprimento dos acordos de colaboración, crearase unha comisión de seguimento que garantirá a efectividade do convenio e solventará as dúbidas que se poidan presentar na súa aplicación
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e os presidentes dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro ou GALPs na sinatura dos convenios
Foto: Ana Varela
Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e os presidentes dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro ou GALPs (coñecidos no período 2007-2013 como Grupos de Acción Costeira ou GAC) asinaron esta tarde en Santiago os convenios de colaboración para o desenvolvemento das súas estratexias de desenvolvemento local participativo no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. O investimento total para a execución dos convenios é de máis de 48 millóns de euros.
Deste xeito, ao GALP da zona da Mariña Ortegal correspóndenlle máis de 7,6 millóns de euros para a execución de proxectos, ao do Golfo Ártabro Norte máis de 6,1 e ao da Costa da Morte máis de 7,3 millóns de euros. No caso do grupo da Ría de Muros-Noia, disporá dun importe superior aos 9,4 millóns, o da Ría de Arousa de máis de 7,4 millóns, o da Ría de Pontevedra de preto de 5,8 e o da Ría de Vigo-A Guarda contará con 5 millóns para a posta en marcha das súas iniciativas. Estas axudas terán unha repercusión positiva no fomento do desenvolvemento local participativo nas áreas costeiras, o que redundará en beneficios para o tecido socio-economico destas áreas.
Os acordos entran hoxe en vigor e xurdirán efecto ata transcorridos 5 anos desde o último pagamento realizado, de xeito que os GALP beneficiados das axudas non poderán disolverse ata que pase dito período.
Ademais, para asegurar o debido cumprimento dos acordos de colaboración, crearase unha comisión de seguimento composta por dous membros da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e outros dous de cada GALP. Esta comisión será o mecanismo que garantirá a efectividade do convenio e solventar as dúbidas que se poidan presentar na súa aplicación.
Os GALP dan continuidade ao traballo desenvolvido dende os GAC, que desempeñaron un importante papel como xestores de multitude de proxectos que incidiron na mellora económica do noso litoral. Estas organizacións son entidades sen ánimo de lucro de carácter supramunicipal promovidas pola Unión Europea, formadas por axentes tanto públicos como privados das sete zonas de actuación constituídas. Traballan co fin de mellorar a capacidade organizativa do sector pesqueiro, crear emprego arredor deste colectivo, fomentar a diversificación para os profesionais do mar e conservar e valorizar o patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro, entre outras cuestións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario