A Pastoriza xa ten unha rúa co nome Dino Pacio Lindín
• Foi un acto de homenaxe, máis tamén de reparación moral, que dignifica ao concello da Pastoriza e ao seu goberno por levalo a cabo
• A iniciativa nesta ocasión foi de Francisco Álvarez Koki
Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez / A Pastoriza
O sábado 16 de agosto de 2025 tivo lugar un acto longamente agardado por todas as persoas que sentimos admiración intelectual e afecto polo ilustre fillo da Pastoriza, Dino Pacio Lindín, finado recentemente.
Agradezo sinceramente o convite do concello para participar no acto (no que tamén interviron o profesor Ángel Basanta; o escritor Francisco Álvarez; a viúva de Dino Pacio Cielo Manzano; e o alcalde Darío Cabaneiro) lembrando a este galego exemplar que dedicou a súa vida a mellorar a de milleiros de inmigrantes latinos no Baixo Manhattan mediante oportunidades de formación.adaptadas ás súas necesidades e circunstacias.
Como moitos dos exiliados do franquismo que acabaron deixando unha marcada estela creativa e transformadora nos seus países de acollida alén mar, Dino Pacio Lindín (1936-2025), aquel mozo rebelde expulsado pola policía política nos estertores da ditadura convertérase nun dos profesores máis innovadores e comprometidos ao seu paso polas Universidades norteamericanas de Fisher, Fordham, Rochester, CUNY e SUNY, onde exerceu con exemplar autoridade moral o seu maxisterio en programas sociais e formativos a favor dos e das inmigrantes de orixe latina.
Dino Pacio tivo que exiliarse, ameazado de morte pola ditadura de Franco, obrigado a abandonar a súa terra e a buscar residencia nos Estados Unidos. En 1969 tiña defendido a súa tese de doutoramento na Universidad Complutense de Madrid, titulada El nuevo lenguaje de la poesía rock. Era un traballo orixinal e extraordinario, resultado dunha sólida formación en filosofía, socioloxía e lingüística adquirida en diversas universidades europeas e americanas durante os anos sesenta –París, Roma, Colonia, Friburgo, Oxford e Harvard–, en cuxos campus coñeceu os ambientes previos ao maio francés e puido elaborar unha perspectiva daquela nova realidade, ben diferente á tradición sociocultural reaccionaria imposta en España polo réxime ditatorial.
Unha parte daquel traballo editouse, xa en democracia, como Juventud radical. 1956-1968 (Madrid, Editorial Felmar, 1978). Con el, Dino Pacio achegaba ao sombrío contexto franquista os aires das revolucións culturais xuvenís que se estaban a xestar noutras latitudes. Como afirma Germán Labrador, libros como este, "permitían pensar máis alá da loita contra Franco e pola modernización do país. Permitían imaxinarse tomando parte nunha batalla global polas liberdades civís e pola apropiación do sentido do mundo, a mesma que libraba tamén a mocidade doutros países a través da literatura beat, o movemento dos civil rights, as loitas anticoloniais, o situacionismo, a autonomía obreira, o punk… con este e outros libros chegaba un sentido distinto de pertenza ao mundo", (Culpables por la literatura: imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986). Akal, 2017).
Nos Estados Unidos impulsou, entre outras iniciativas, o proxecto Solidaridad Humana, que dirixiu durante dúas décadas desde comezos dos anos setenta. Solidaridad Humana foi, máis alá dun centro académico, un espazo de concientización (utilizando terminoloxía de Paulo Freire, coa que a obra de Dino Pacio ten estreitas conexións) e reivindicación social dos dereitos da 'numerosa minoría' hispanofalante.
Inspirado na súa particular "Pedagoxía do lugar", rachou coa concepción errónea e xeneralizada sobre a alfabetización de adultos inmigrantes, tradicionalmente desconectada do seu contexto sociocultural, das súas necesidades e motivacións. En cambio, promoveu un ideal de humanización mediante reflexión e acción transformadoras, desenvolvendo virtudes epistemolóxicas, éticas e educativas claves como a innovación, a responsabilidade, a reciprocidade, a tolerancia, a solidariedade ou o compromiso. Os seus estudantes eran a un tempo profesores e alumnos: aprendían y ensinaban contidos baseados en problemáticas sociais, económicas e políticas da súa realidade cotiá partindo da propia lingua, seguindo o lema "Todos enseñan, todos aprenden".
Acolléndose á Lei Federal de Educación Bilingüe de 1968, que recoñecía o dereito de todo inmigrante a alfabetizarse na súa lingua materna, proporcionándolle unha oportunidade transitoria ata acadar o dominio do inglés como segunda lingua, conseguiu que o galego fose recoñecido en New York como lingua estranxeira oficial, a efectos académicos.
Solidaridad Humana foi o resultado dun innovador modelo de aprendizaxe formado por suxeitos que estaban fóra do ámbito escolar convencional e para os que cumpría deseñar estratexias imaxinativas que posibilitasen transformacións individuais e colectivas. Dino Pacio soubo detectar e interpretar esas necesidades e desenvolver unha intervención innovadora na que o dominio da 'palabra' deu paso ao exercicio da 'conciencia' en tanto estratexia político-pedagóxica, cuxo fin era priorizar a 'problematización' sobre a 'memorización', e lograr a síntese entre culturas, superando a imposición etnocentrista académica, aplicada na alfabetización de adultos nos Estados Unidos.
En 1980 Solidaridad Humana convertérase nun centro de educación no que se impartían clases desde os niveis básicos ata os universitarios, onde participaban arredor de 2.000 persoas, nomeadamente inmigrantes procedentes de doce países, de entre vinte e trinta anos. Contaba con 23 profesores a tempo completo e 50 a tempo parcial. A porcentaxe dos participantes: 55% mulleres, 45% homes; 99% hispanos; 90% ingresos baixos; dunha media de idade de entre 25-40 anos. Desde os seus inicios atendera a máis de 10.000 persoas, logrando taxas de retención de ata o 70%, revertendo o alto índice de abandono ata ese momento. Ademais, grazas ao apoio que prestou a Universidade do Estado de NY a partir de 1977, foi posible impartir estudos para graos de catro cursos, e así preparar a centos de mestres bilingües de procedencia inmigrante con destino ás escolas públicas de NY.
Solidaridad Humana obtivo en 1981 o Premio Dissemination, concedido polo Fondo para a Mellora do Ensino Superior dos Estados Unidos, elixido entre dúas mil escolas técnicas e universidades. Ese ano participaban no proxecto arredor de 1.500 persoas, procedentes de 12 países, de entre vinte e trinta anos. A portavoz da institución, Nancy Hofmann declaraba: "Este premio non só intenta resaltar os valores educativos de Solidaridad Humana, senón tamén a visión e o xenio educador dos seus directores e en especial de Dino Pacio, iniciador do proxecto"; pola súa parte, o codirector Jim Metzinguer engadía: "Este premio ten un significado especial para a comunidade latinoamericana dos Estados Unidos neste difícil momento en que a Administración Reagan intenta borrar do mapa a educación bilingüe e estrangular a educación de adultos".
Tamén, a título individual, Dino Pacio recibíu en 1982 o Premio Nacional de Servizo á Comunidade, outorgado pola National Association of Community Colleges polo seu labor a favor da educación de adultos nos Estados Unidos. Ese ano, un estudo da Fundación Ford sobre a alfabetización de adultos valoraba o proxecto Solidaridad Humana como exemplo de éxito dun programa de base comunitaria.
Dino Pacio seguíu a ocuparse da formación dos máis desfavorecidos a través de diferentes organizacións. Foi director do programa bilingüe do Empire State College. Ademais, consultor “que ten desempeñado durante varios años un papel importante na orientación do desenvolvemento do plan de formación do sindicato ACTWU (Amalgamated Clothing and Textile Workers Union); da Unión Settlement Association ou do Literacy Assistant Center, onde continuaron o seu labor asistencial a inmigrantes con necesidades de alfabetización en inglés moitos educadores formados por Dino Pacio en Solidaridad Humana.
Tamén foi asesor especial do Consorcio de Traballadores do Ensino (CWE nas súas siglas en inglés) entre 1985 e 1989, unha axencia privada sen ánimo de lucro creada para brindar acceso á preparación profesional e programas específicos ofrecendo servizos de emprego, capacitación e educación a traballadores da cidade de NY. Entre os anos 2001 e 2005 realizou actividades como profesor de cursos de doutoramento na Universidade de Málaga onde seguiu explicando e estudando a importancia da poesía rock a través das cancións de Bob Dylan.
Ademais, foi co-fundador e membro do Consello do Centro de Educación Casa Del Pueblo en Port Chester, un programa familiar de alfabetización bilingüe multicultural que servía á comunidade latina, subvencionado con fondos do Departamento de Educación do Estado de NY desde 1990; co-director da revista Solidaridad, membro da xunta directiva da Asociación Latinoamericana de Teatro da Cidade de NY desde 1992, e membro da Casa de Galicia, encargado de asuntos culturais entre 1986 e 1990.
Este galego exemplar, recoñecido e valorado nos ambientes sociais e académicos dos Estados Unidos finou sen ter recoñecemento oficial en Galicia, agás do que lle fixo en 2021 un grupo de ex alumnos e amigos por iniciativa do profesor Manuel Rivas García mediante un libro homenaxe (Dino Pacio Lindín. O guía dunha vangarda cultural. (Lugo, Lar, 2021).
Agora, o Concello da Pastoriza ven de reparar, malia sexa parcialmente con este acto, un recoñecemento que debería extenderse a instancia superiores. Agardemos...
Tiven a inmensa sorte de tratalo desde 2005, cando o coñecín en New York (por indicación do profesor Antón Costa e mediación de Dolores Estévez, inmigrante galega e alumna de Solidaridad Humana) mantendo desde entón unha estreita amizade. foi para min hoxe unha honra poder participar de xeito activo neste recoñecemento colectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario