Visitas especiais no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega para os próximos domingos
Infogauda / A Guarda
Coincidindo coa apertura do Museo Arqueolóxico e a exposición do Cabezón do Trega ofrécense os próximos catros domingos unha visita guiada para coñecer a evolución da campaña de escavación que ten lugar no sector de Mergelina.
En agosto de 2015 comezou a campaña de escavación dirixida polo arqueólogo Rafael Rodríguez no sector de Mergelina. Esta actuación foi promovida pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento dentro do protocolo da posta en valor dos xacementos Galaico-romanos de 18 castros na provincia de Pontevedra.
Despois de meses de traballo xa é visible a evolución desta campaña que permitirá coñecer unha parte deste castro que ofrece respostas e tamén algunhas incógnitas sobre este poboado. Nestas visitas especiais organizadas polo Padroado do Monte Santa Trega e o Concello de A Guarda, o guía realizará unha visita de 80 minutos de duración onde amosará o urbanismo deste sector percorrendo este espazo. Grazas a esta escavación son visibles unhas 40 estruturas, algunhas delas poderían ser espazos familiares e outras espazos de uso público, como lugares de reunión. Ó longo destes meses se recolleron unhas 40.000 pezas que están sendo estudadas e que permiten coñecer a forma de vivir dos habitantes deste castro. Ademais grazas a estes estudos das pezas e o urbanismo, permite asegurar que o Castro ten unha datación anterior a considerada nas anteriores campañas.
O número de participantes será reducido porque a visita percorrerá o espazo que aínda se atopa en estudo. Así é preciso reserva praza contactando co Museo Arqueolóxico, MASAT, no teléfono 690 017 038 en horario de 11:00 a 17:00h.
Pódese escoller entre dúas quendas: ás 11:00 h e ás 12:45 h. O punto de encontro é a Casa Forestal. As datas a escoller son os catro próximos domingos: 21 e 28 de febreiro; 6 e 13 de marzo.
Esta é unha excelente oportunidade para coñecer a evolución da escavación arqueolóxica no sector de Mergelina despois duns 30 anos sen escavacións no Castro do Monte Santa Trega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario