14 de xan. de 2016

CULTURA

Román Rodríguez reivindica ao Neira Vilas “espectador atento” no seu último traballo, ‘Olladas no Camiño’ 

O conselleiro de Cultura e Educación participou na presentación do libro, composto por unha escolma de artigos de prensa do ilustre escritor de Gres

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na presentación do libro ‘Olladas no camiño’ 
Foto: Conchi Paz


Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago na presentación do libro ‘Olladas no camiño’. Editado por Edicións Fervenza, é un dos últimos traballos realizados polo ilustre escritor Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. En palabras de Román Rodríguez, este libro é “un paseo tranquilo, consciente e profundo polas paisaxes do seu tempo. Unha visión sobre persoas, feitos, pensamentos, accións e circunstancias que chamaron a súa atención, e que forman parte da nosa historia contemporánea”.  

 O conselleiro –que estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; pola sobriña do autor e colaboradora na publicación, María Xesús Neira Yagüe; e polo vicepresidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez– reivindicou ao Neira Vilas “espectador atento”, así como “vehículo para transformar nunha nova consciencia aquilo que contempla”, que agroma no título da obra.  

 Neste libro, o senlleiro autor de Gres agrupa cen artigos de prensa que publicou durante os últimos dous anos nas páxinas dominicais do xornal compostelán ‘El Correo Gallego’. Trátase de “cen luces acendidas no camiño” –tal e como recoñece el mesmo no limiar– onde se atoparán os nomes de Castelao, Rosalía, Julio Camba, Laxeiro, Lula da Silva, o Che, Mingote…, así como reflexións sobre a situación de Iraq, a Amazonia ou a profecía maia sobre a fin do mundo.  
O escritor deixou material abondo 
 En definitiva, unha nova posta a disposición de lectoras e lectores do moito material que Neira Vilas deixou preparado para editar e que, da man da Fundación, e coa colaboración da Consellería e Edicións Fervenza, permite incrementar o inventario de obras dun autor xa clásico das nosas letras. O seu compromiso coa lingua e cultura propias de Galicia fan que sexa un referente de actualidade con gran proxección cara ao futuro, non só na Galicia territorial senón tamén nas colectividades galegas no exterior.  

 Ao acto de presentación, que comezou e rematou con sendas interpretacións musicais do cantautor Manoele de Felisa, tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Vila de Cruces e Boqueixón, Jesús Otero e Ovidio Rodeiro respectivamente, así como familiares do escritor e membros da fundación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario