14 de xan. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia dá o visto e prace ao proxecto de Decreto que regulará o Censo de Vivendas Baleiras e que permitirá ao Goberno galego unha mellor planificación social da política de vivenda 

Trátase dun Decreto que obrigará a inscribir no Censo todas as vivendas baleiras que se atopen en concellos de máis de 10.000 habitantes e sexan propiedade de entidades de crédito ou similares 

Lembra que esta actuación está integrada no decálogo de medidas que se puxeron en marcha, en materia de vivenda, para garantir o acceso de todos os cidadáns a un teito 

Indica que o obxectivo deste regulamento é dobre, pretende facilitar a incorporación ao mercado dos inmobles baleiros das entidades financeiras e promover a súa participación nas políticas sociais de vivenda  

O presidente da Xunta na rolda de prensa de Consello 
Foto: Ana Varela

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe do visto e prace por parte do Consello da Xunta ao texto do Decreto que crea e regula o Censo de Vivendas Baleiras. Texto que segundo informou, será trasladado agora aos axentes sociais e económicos para que formulen posibles alegacións e que posteriormente será remitido ao Consello Consultivo.  

 Trátase dun Decreto que obrigará a inscribir no Censo todas as vivendas baleiras que se atopen en concellos de máis de 10.000 habitantes e sexan propiedade de entidades de crédito ou similares. E permitirá inscribir de forma voluntaria as vivendas que estean en concellos de menos de 10.000 habitantes e as do resto de propietarios de vivendas baleiras.  

 Nese senso, Feijóo explicou que coa creación deste Censo, o Goberno galego poderá dispoñer de información adecuada sobre o parque de vivendas baleiras de Galicia para realizar unha mellor planificación social da política de vivenda. Tamén indicou que o incumprimento da obriga de inscrición suporá unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble. 

 Segundo o presidente da Xunta, o obxectivo deste regulamento é dobre, xa que por unha banda, pretende facilitar a incorporación ao mercado dos inmobles baleiros das entidades financeiras, e por outra, trata de promover a súa participación nas políticas sociais de vivenda.  

 Ademais, o mandatario galego lembrou que esta actuación está integrada no decálogo de medidas que se puxeron en marcha, en materia de vivenda, para garantir o acceso de todos os cidadáns a un teito, axudar aos que máis o precisan e acabar cos desafiuzamentos. Entre as que se atopan: o programa de realoxo, o programa Reconduce, o plan RehaVita ou o Bono aluguer social.  

 Por último—informou Feijóo—o Decreto tamén establece diversas medidas para fomentar o uso das vivendas baleiras, como a inclusión das vivendas nos programas de fomento de aluguer, a posibilidade de concertar arrendamentos ou mesmo compras, a oferta desde a Xunta para a vivenda ou a posibilidade de lograr acordos cos propietarios para que as vivendas atendan as persoas afectadas por desafiuzamentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario