26 de xan. de 2016

A GUARDA

Os populares propoñen a elaboración dun Plan Estratéxico de Turismo 

O PP non se resigna a deixar morrer o potencial turístico do municipio de A Guarda

A voceira popular lamenta que as cifras de visitantes da Guarda se afasten tanto das de outras comarcas galegas que non teñen o potencial turístico do noso concello
  
Vista parcial do barrio de pescadores de A Guarda, un dos lugares máis pintorescos do municipio
Foto: José Carlos Castro Martínez

Infogauda / A Guarda

“No PP non nos resignamos a que o Goberno local deixe morrer o potencial turístico do noso concello, por iso desde a oposición, e dada a pasividade do goberno, temos a responsabilidade de actuar e tirar do carro”, así de contundente se amosou a voceira do PP de A Guarda, Conchi Ortega, que acaba de presentar unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria  deste venres día 29 de xaneiro, na que propón un regulamento da Mesa de Turismo na que figuren os obxectivos, a composición e se regule o seu funcionamento desde a súa posta en marcha.  

 Desde o Goberno local teñen que tomar conciencia de que o turismo é un motor económico para o crecemento do noso concello, e que axuda ademais ao impulso de outros sectores. E este é o momento no que o Goberno local xunto co sector, ten que impulsar de forma definitiva o turismo”, explica Conchi Ortega.  

 A voceira popular lamenta que as cifras de visitantes de A Guarda e o Baixo Miño se afasten tanto das de outras comarcas galegas, que aínda que teñen atractivo, non se achegan nin de cerca ao potencial turístico do noso concello.  

 Así a voceira popular explica que a vantaxe de A Guarda é que non precisamos montar un parque acuático nin tampouco de atraccións para atraer visitantes porque dispoñemos dun xeito natural todas as características que fan de A Guarda un lugar privilexiado. Pero todos eses bens e valores teñen que ser  aproveitados axeitamente e xestionados polo concello co poio dos profesionais do sector turístico. 

 Nesta liña a voceira popular subliña que non podemos improvisar nin pensar que "todo funciona só", senón que temos que elaborar un Plan Estratéxico de Turismo

  Pensamos - concluiu a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular - que é fundamental facer partícipe nese Plan ao sector hostaleiro, restauradores, sector comercio, praza de abastos, etc., organizar reunións de tormenta de ideas e coordinar as accións a realizar. Só coa colaboración de todos se pode chegar a planificar ben o futuro da nosa vila cara ao Turismo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario