A Deputación prorroga ata agosto o Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais
O Pleno da institución provincial acordou hoxe ampliar o prazo de execución e xustificación das obras
Infogauda / Pontevedra
O Pleno da Deputación aprobou, na sesión de hoxe, a prórroga do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais 2014 (PUSIM 14), que, conforme ás bases, estaba previsto que se extinguise o 31 de decembro de 2015. Deste xeito o prazo de execución e xustificación dos investimentos amplíase ata o 31 de agosto de 2016.
O PUSIM púxose en marcha en febreiro de 2014 co obxecto de apoiar os concellos de menos de 50.000 habitantes ante o descenso dos orzamentos municipais como consecuencia da crise económica. Inicialmente dotouse con quince millóns de euros, que posteriormente foron ampliados en doce millóns, o que resultou nunha dotación orzamentaria total de vinte e sete millóns de euros.
A execución do PUSIM estendeuse durante o ano 2015. Non obstante, os concellos poderán solicitar unha ampliación do período de execución e xustificación conforme aos novos prazos establecidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario