Feijóo afirma que a estabilidade de Goberno é o que permite á Xunta avanzar en políticas sociais e aprobar hoxe un complemento para as pensións non contributivas en 2016
Indica que Galicia é a comunidade autónoma que máis paga as pensións non contributivas
Lembra outras medidas de ámbito social da Xunta como o convenio asinado coas compañías eléctricas para evitar cortes de luz en Galicia ás familias que non poden pagar as facturas, o Bono Alugueiro e a Tarxeta Benvida
“Eu o que si lle ofrezo aos galegos é ser fiel ao mandato que nos deron, dar estabilidade en Galicia, ter uns Orzamentos aprobados o 1 de xaneiro, baixar o imposto da renda, baixar o imposto de sucesións e doazóns ao 99% dos galegos e poñer imposto cero para todas as transaccións no rural”, asegura
O presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria
Foto: Xoán Crespo
Infogauda / Santiago de Compostela
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a estabilidade de Goberno é o que permite á Xunta avanzar en políticas sociais e aprobar hoxe un complemento extraordinario para as pensións non contributivas.
Como sinalou o máximo responsable autonómico, esta medida beneficiará aos máis de 42.000 cidadáns que contan con esta prestación. Así mesmo, lembrou que Galicia é a comunidade autónoma que máis paga as pensións non contributivas e matizou tamén que é unha das tres comunidades, xunto con Andalucía e Extremadura, que pagan unha extra a estas pensións.
O presidente da Xunta lembrou tamén outras iniciativas de ámbito social postas en marcha nas últimas semanas, como o convenio asinado coas compañías eléctricas para evitar cortes de luz en Galicia ás familias que non poden pagar as facturas. Do mesmo xeito, antes de que se produza un corte de luz por impago, a Xunta farase cargo de dous recibos.
Así mesmo, Feijóo puxo en valor o Bono de Alugueiro Social que o Goberno galego pon en marcha para as familias con dificultades. Trátase de 150 euros ao mes para que poidan manter os seus alugueiros en prazo.
En terceiro lugar, fixo fincapé en que a partir do 1 de xaneiro a Xunta ofrecerá a Tarxeta Benvida, dotada de 100 euros ao mes, para os nenos e nenas que nazan na Comunidade.
Como sinalou, o Goberno galego o que busca é conservar e manter o país e facilitar que siga avanzando. “Eu o que si lle ofrezo aos galegos é ser fiel ao mandato que nos deron, dar estabilidade en Galicia, ter uns Orzamentos aprobados o 1 de xaneiro, baixar o imposto da renda, baixar o imposto de sucesións e doazóns ao 99% dos galegos e poñer imposto cero para todas as transaccións no rural”, asegurou. Para concluír, indicou que “Galicia aspira a non estar na situación de inestabilidade da inmensa maioría das Comunidades Autónomas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario