23 de dec. de 2015

GALICIA

A Xunta destinará case 9 millóns de euros para que máis de 42.000 perceptores de pensións non contributivas se beneficien dun complemento extraordinario de 206 euros 

Salienta que este complemento só o manteñen tres Comunidades Autónomas 

Indica que esta axuda se ingresará de oficio, sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite adicional 

Destaca que o Goberno galego continuará apostando por medidas de apoio ás persoas e familias con menos recursos

O titular da Xunta de Galicia, na rolda de prensa do Consello  
Foto: Xoán Crespo


Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia, do decreto que establece o complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social. A axuda chegará a máis de 42.000 persoas perceptoras de pensións non contributivas, do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimo.  

 Segundo explicou o titular da Xunta, trátase dun complemento que só manteñen tres Comunidades Autónomas e que suporá un investimento por parte da Administración galega de 8,7 millóns de euros.  

 Ademais, tal e como sinalou o presidente da Xunta, esta axuda ingresarase de oficio, sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite adicional e será aboada nun pagamento único nos primeiros dez días de xaneiro.  
Máis actuacións no ámbito da inclusión social 
 A este respecto, Feijóo lembrou que no vindeiro ano 2016 o Goberno galego seguirá a apostar por medidas de apoio ás persoas e familias con menos recursos, o que se verá reflectido nas partidas económicas destinadas ao ámbito da inclusión social. Este presuposto aumentará en máis dun 24% superando os 86 millóns de euros.  

 Así, tal e como sinalou o mandatario galego, poderase dar cobertura a iniciativas como a Risga, que aumentará nun 10% con respecto ao actual exercicio, e ao Plan Social contra Desigualdade Económica, que contará cunha dotación de máis de 20 millóns. Este último incluirá o tique eléctrico e o programa Reconduce para familias en risco de perder a vivenda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario