7 de dec. de 2015

CULTURA

As literaturas galega e portuguesa dialogan na nova sesión de Conversas Nortear con Ramón Caride e Ana Luísa Amaral 

O secretario xeral de Cultura destacou hoxe no Porto o interese deste programa para favorecer o coñecemento mutuo entre os dous sistemas literarios a través dos seus autores e autoras 

A iniciativa é froito do memorando asinado este ano entre a Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal  

 Ana Luísa Amaral e Ramón Caride

Infogauda / Porto

 O programa Conversas Nortear ofreceu esta tarde no Porto a segunda sesión duns encontros culturais que teñen como principal obxectivo “favorecer o diálogo e o coñecemento mutuo entre as literaturas galega e portuguesa a través dos seus escritores e escritoras”. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na apertura do encontro, no que o galego Ramón Caride e a portuguesa Ana Luísa Amaral compartiron co público, na Facultade de Letras, as súas reflexións sobre as relacións entre ambos os sistemas literarios.  

 Baixo o título ‘Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común?’, o programa Conversas Nortear “permítenos achegarnos ás letras galegas e portuguesas da man dos seus protagonistas actuais, os autores e as autoras, nun formato distendido e coa participación activa do público”, asegurou Anxo Lorenzo, quen valorou positivamente as diversas iniciativas promovidas neste ano “para reforzar o intercambio cultural galego-portugués en diversos ámbitos”.  
 Reforzar o coñecemento mutuo 
 Entre eles destacou o do libro, con actividades como o concurso literario Nortear para a Mocidade Escritora, así como ou audiovisual e as artes escénicas, “outras áreas nas que vimos traballando conxuntamente para coñecérmonos mellor e aproveitar os estreitos lazos históricos e culturais que unen os dous territorios”, dixo.  
 Posto en marcha o pasado 22 de novembro cun encontro literario en Santiago de Compostela entre a galega Ledicia Costas e o portugués Pedro Guilherme-Moreira, que se desenvolveu na Escola Oficial de Idiomas, desta volta os protagonistas da nova sesión foron Ana Luísa Amaral e Ramón Caride.  

 O escritor galego (Cea, 1957) é autor dunha extensa obra literaria, con numerosos títulos que abarcan a poesía, a narrativa e o ensaio e que lle valeron galardóns como os premios Blanco Amor, en 1992, por ‘Soños eléctricos’; Merlín, en 1995, por ‘Perigo vexetal’; o Risco de Literatura Fantástica, en 2003, por ‘O sangue dos camiños’, e o Lueiro Rey, en 2007, por ‘O frío azul’, entre outuros.  

 Ana Luísa Amaral (Lisboa, 1956) é unha poeta portuguesa e profesora de literatura e cultura inglesa e americana na Facultade de Letras da Universidade do Porto. Autora de diversos libros de poesía, editados en diversos países, e de obras infantís, a súa escrita está presente en numerosas antoloxías portuguesas e estranxeiras.  
 Iniciativas para promover o diálogo cultural 
 Conversas Nortear é froito do memorando de entendemento asinado este ano pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal. Ao abeiro deste memorando tamén se puxeron en marcha en 2015 outras iniciativas, entre as que se inclúe o intercambio dunha exposición galega que se exhibirá en Portugal e dunha exposición portuguesa que se poderá visitar en Galicia.  

 O proxecto expositivo portugués seleccionado foi a mostra fotográfica ‘Oito espazos para sete miradas’, que se exhibe actualmente na Casa da Parra, na compostelá praza da Quintana, con obras nas que sete fotógrafos lusos se achegan ao patrimonio catedralicio do norte de Portugal.  

 A mostra galega, ‘Santiago, cidade ilustrada’, que reúne debuxos e ilustracións de artistas internacionais e galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro e David Pintor, pode visitarse ata o 22 de xaneiro no mosteiro de Tibães, en Braga.  
 Favorecer a creatividade literaria 
 Outro dos proxectos que botaron a andar este ano é o certame Nortear. Jovens Escritores / Mocidade Escritora Norte de Portugal-Galicia, que nace cos obxectivos de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como de destacar, anualmente, obras literarias orixinais e de promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras.  

 A obra gañadora, á que optan un total de 60 traballos presentados por mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, darase a coñecer neste mes de decembro. 

 O intercambio de fondos bibliográficos destinados a enriquecer a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional do Norte de Portugal tamén é froito desta colaboración cultural galego-portuguesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario