4 de dec. de 2015

A GUARDA

Medio centenar de persoas asisten á charla do arqueólogo Rafael Rodríguez dentro do ciclo de Barferencias de Inverno 

O Concelleiro de Patrimonio, Manuel Jabier Crespo González - a esquerda da imaxe - e o arqueólogo Rafael Rodríguez
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda


 Máis de medio centenar de persoas asistiron onte, xoves día 3 de decembro, á charla “Reescavando Mergelina” do arqueólogo Rafael Rodríguez, incluida dentro do ciclo de Barferencias de Inverno, organizadas polo Concello de A Guarda e a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM). 

 O Concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo González, foi o encargado de presentar ó ponente aos presentes e falar da súa traxectoria profesional onde destacan varias e importantes escavacións.  

 Rafael Rodríguez comezou a súa charla facendo un símil entre a súa vida e a de Mergelina, así ambos traballaron nesta zona aos 39 anos e coordinados pola Deputación de Pontevedra. 

 O arqueólogo, que coordina estas escavacións promovidas pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, en colaboración co Padroado Municipal do Monte Santa Trega e o Concello de A Guarda, estivo acompañado nesta conferencia de máis arqueólogos do equipo de traballo. 

Vista parcial do público asistente a charla de Rafael Rodríguez

 Rafael Rodríguez explicoulles aos presentes o estado actual das escavacións na zona coñecida como Poboado de Mergelina -comezaron en agosto- na cal hai unhas 45 estruturas e ocupa unha superficie aproximada de 2.300 metros cadrados. 

 O arqueólogo falou de que xa se atoparon máis de 40.000 fragmentos cerámicos e que estes, engadidos ás ánforas atopadas, a algunhas moedas e por suposto o xa coñecido coma “Cabezón do Trega”, colocan a esta citania do Trega “na primeira división da arqueoloxía española”.  

 O interese suscitado entre o público fixo que a barferencia se alongase máis de dúas horas. Os asistentes preguntáronlle ó arqueólogo diferentes detalles puntuais coma se se atoparan restos óseos ou como era a vida económica nesta comunidade.  

 Ó final da charla o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, fixo entrega dun agasallo, tanto a Rafael Rodríguez coma o propietario da cervexería Itaca, onde se levou a cabo a reunión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario