A CIG-Ensino denuncia ante a inspección de traballo que os traballadores e traballadoras do Centro Especial de Emprego do San Xerome non cobraron a nómina de novembro nin os atrasos
A CIG-Ensino convoca concentración ante o San Xerome o 21 de decembro
CIG-Ensino / A Guarda
A CIG-Ensino denunciou onte ante a Inspección de Traballo que os traballadores e traballadoras do Centro Especial de Emprego do San Xerome non percibiron a nómina de novembro, nin a totalidade dos atrasos.
Para a CIG-Ensino esta situación é inaceptábel, pois é unha mostra da mala xestión realizada pola Dirección do centro, que non ten en conta as demoras na percepción das facturas e subvencións á hora de calcular o abono das mensualidades. É unha situación inasumíbel, moi grave e discriminatoria, pois o resto dos traballadores do centro si percibiron as súas nóminas e atrasos de 2015.
No Centro Especial de Emprego traballan, ademais dos dous encargados de taller e dous auxiliares especialistas, 14 traballadora/es discapacitada/os que realizan labores de mantemento de zonas verdes e xardíns para diferentes concellos e particulares, cuns salarios que non superan o mínimo interprofesional.
A CIG-Ensino quere denunciar públicamente o trato vexatorio que están a recibir estes traballadores, por parte da Dirección, pois cando se dirixen ao centro a reclamar as cantidades adebedadas, a Xerencia búrlase deles dicíndolles que vaian reclamar ao Concello da Guarda, pois pretende convencelos de que o único motivo para non lles aboar as nóminas é que este Concello non está ao día no pago das facturas. Desde a CIG-Ensino manifestamos que, esa función é precisamente o traballo que debe realizar a Xerencia e non eludir as súas responsabilidades encirrando aos traballadores con medias verdades.
Primeiro, non toda/os a/os traballadora/es dependen do contrato co Concello da Guarda, e todos están sen cobrar. Segundo, a CIG-Ensino comprobou que desde setembro o San Xerome ten concedida unha subvención da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, de 42.112,26€ cantidade que percibiu ou vai percibir a empresa neste trimestre e que corresponde aos custes salariais do mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego. Para a CIG-Ensino é innegábel que o impago da/os traballadora/es é responsabilidade exclusiva da Dirección do centro. En todo caso, desde a CIG-Ensino reclamaremos do Concello da Guarda que poña os pagos ao día co Centro San Xerome.
A CIG-Ensino convoca concentracións ante o San Xerome o día 21 de decembro ás 11:30 e ás 16:00 horas para reclamar da Dirección un mínimo de sensibilidade e que lle pague ás e aos traballadores o que lles debe, para que non teñan que pasar ningún tipo de necesidade.
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario