12 de nov. de 2015

VIGO

López-Chaves considera que o alcalde da cidade “non ten interese” en poñer en marcha a área metropolitana en Vigo 

 O delegado territorial da Xunta en Vigo considerou que “pouco interese ten en axilizala” ao negarse a manter un encontro coa Administración autonómica antes incluso de ser convocado 

 O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, convocará ao Concello a unha xuntanza de traballo recordándolle que o vindeiro 24 de novembro remata a rolda con 13 dos 14 concellos 

 A Xunta ponse a disposición do goberno local vigués para establecer a data que considere máis oportuna para abordar a recta final do proceso 

 O obxectivo é trasladarlles aos distintos grupos políticos as aportacións recollidas ao longo das sesións de traballo mantidas coas 13 corporacións locais ademais de escoitar as que se desexen facer para completar un texto consensuado

Infogauda / Vigo

 O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, considerou hoxe en declaracións aos medios que o alcalde da cidade, Abel Caballero, “non ten interese” en poñer en marcha a Área Metropolitana.  

 Logo das últimas declaracións feitas polo rexedor vigués, López-Chaves valorou que “pouco interese ten en axilizala cando antes de ser convocado a unha reunión xa di que non se vai a reunir”, sinalou. “Se tivese interese diría que se quere reunir coa Xunta para determinar qué se pode modificar e mellorar da Lei”, continuou.  

 Pola súa banda, o delegado explicou que a Xunta de Galicia si ten interese en poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo e por iso estanse a levar a cabo as xuntanzas cos concellos e as Corporacións locais que forman parte da área. A día de hoxe, restan por manter eses encontros cos concellos de Moaña, Cangas, Redondela e Vigo, sendo este o último pero o que está chamado a liderar a Área Metropolitana.  

 Neste senso, avanzou que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, contactará co Concello de Vigo para convocalo a unha xuntanza de traballo recordándolle ao alcalde de Vigo que o vindeiro 24 de novembro remata a rolda de contactos con 13 dos 14 concellos que a van a integrar inicialmente. Deste xeito, ponse a disposición do goberno local vigués para establecer unha data. “Se envía a solicitude da reunión ao alcalde, a documentación e se pide que convoque a todos os grupos municipais”, explicou López-Chaves esperando que así o faga porque a intención da Xunta é “coñecer a opinión e pulso de todas as Corporacións” para conseguir un consenso.  

 O obxectivo é trasladarlles aos distintos grupos políticos que configuran o pleno as diferentes propostas de modificación da Lei da Área Metropolitana que, ademáis, son as remitidas polo goberno municipal de Vigo a raíz da xuntanza que tivo o alcalde da cidade co Presidente da Xunta de Galicia o pasado 6 de xullo.  

 A Xunta ponse así a disposición para fixar a data que o alcalde considere máis oportuna para abordar a recta final do proceso, baixo o mesmo formato que tódalas reunións anteriores e co obxectivo final de consensuar o texto que permita que, no ano 2016, Vigo teña a súa Área Metropolitana.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario