Medio Rural retirou ou inactivou no que vai de ano máis de 3.200 niños de vespa velutina
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias inaugurou en Santiago o foro “Biofim Expoforum Noroeste”, un lugar de encontro para compartir experiencia e coñecemento para os sectores de control de pragas, fitosanitarios e madeira
Belén do Campo na inauguración do “Biofim Expoforum Noroeste”
Infogauda / Galicia
A Consellería do Medio Rural, en coordinación cos servizos de emerxencias, retirou ou inactivou no que vai de ano (ata o pasado 8 de novembro) un total de 3.256 niños de vespa velutina. Así o destacou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na inauguración do “Biofim Expoforum Noroeste”, un lugar de encontro para compartir experiencia e coñecemento para os sectores de control de pragas, fitosanitarios e madeira que se celebra en Santiago.
A directora xeral explicou o labor desenvolvido pola Xunta para conter esta especie invasora, coa posta en marcha dun programa específico de vixilancia e control. Advertiu de que este insecto non só afecta á produción apícola pola súa forte capacidade predadora sobre as abellas, senón tamén ao medio ambiente, pola predación sobre outros insectos, o que ocasiona unha menor polinización da flora silvestre. E tamén causa danos á produción de froita –máis polo que estraga que polo que come– e representa un risco para a seguridade cidadá, non por ser máis agresiva que outras, senón pola gran cantidade de individuos que se aloxan nos seus niños, o que incrementa a posibilidade de picadura.
Para avaliar a importancia desta praga, Belén do Campo lembrou que en Galicia existen un total de 3.504 explotacións apícolas, das que pouco máis de 100 son profesionais, o que fai que a nosa sexa a terceira comunidade autónoma en número de produtores. O sector explota case 114.000 colmeas, que producen 1.255 toneladas de mel (o 4,3% do total nacional) e 69 toneladas de cera (o 4% do España).
Prevención de pragas
En relación coa problemática xeral das pragas, a directora xeral destacou que o correcto deseño, o mantemento preventivo razoable e dilixente, así como o sentido común, evitan moitas das dificultades xeradas por este motivo. Falou en particular da importancia dun mantemento preventivo eficiente das instalacións, que facilite a prevención e, no seu caso, a detección precoz e a solución rápida e eficaz dos problemas.
Belén do Campo explicou o contexto no que xorden as dificultades relacionadas cos animais-praga. Así, vinculou a súa aparición ao feito de compartiren co ser humano os seus hábitats urbanos e industriais, onde este se agrupou nunha estratexia de supervivencia como especie. Sinalou que, dende o punto de vista biolóxico, é inevitable que estes asentamentos –que xeran recursos como alimentos, auga e posibilidades de refuxio– resulten atractivos para determinadas especies animais. Esta circunstancia de colonización e proliferación posterior non adoita ser compatible co home e os seus intereses, de aí que ao fenómeno se lle denomine “praga”.
Estes animais –engadiu– resultan dañinos porque producen cambios importantes na composición, a estrutura e os procesos dos ecosistemas nos que se introducen, poñendo en perigo a diversidade biolóxica nativa, tanto de especies como dentro das poboacións ou nos ecosistemas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario