12 de nov. de 2015

GALICIA

A Xunta traslada á Fegamp a súa vontade de renovar os Grupos de Intervención Supramunicipais (GES) 

O vicepresidente, Alfonso Rueda, destacou que os GES son un dos exemplos máis salientables da colaboración entre a Xunta e os concellos galegos 

Ángeles Vázquez avogou por ser “máis flexibles” en canto ás funcións destes grupos, que realizarán labores de prevención fronte a avespa velutina 

O responsable da Fegamp salientou que os GES “prestan un servizo fundamental, especialmente nas zonas máis rurais e nos pequenos concellos”

Alfonso Rueda, Ángeles Vázquez e Beatriz Mato manteñen unha xuntanza co presidente da Fegamp sobre os GES 
Foto: Ana Varela

 Infogauda / Galicia

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladoulle hoxe á da Federación Galega de Municipios e Provincias o interese do Goberno galego por manter o sistema dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), xa que funciona e “teñen solucionado moitos problemas” nos case tres anos que levan en marcha.  

 Rueda renovou o compromiso da Xunta con estes grupos de emerxencias nunha reunión na que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o novo presidente da Fegamp, Alfredo García. A este respecto, o vicepresidente destacou que os GES son un dos exemplos máis salientables da colaboración entre a Xunta e os concellos galegos.  

 Ademais da súa continuidade, na xuntanza tamén se abordaron asuntos a mellorar por estes grupos, para que poidan seguir co seu obxectivo de complementar os recursos de emerxencias que hai repartidos por toda a Comunidade e crear unha auténtica malla de emerxencias galega.  

 Nese sentido, a conselleira do Medio Rural avogou por ser “máis flexibles” e por abrir “un amplo abano de posibilidades” aos concellos para que determinen as funcións que estes GES poden desenvolver nos seus concellos. Unha destas novidades será o seu labor na prevención e na retirada de niños da avespa velutina.  

 Pola súa banda, o presidente da Fegamp destacou a vontade de acordo entre o Goberno galego e os concellos galegos neste asunto, sobre todo tendo en conta que os GES “prestan un servizo fundamental, especialmente nas zonas máis rurais e nos pequenos concellos”.  

 O vindeiro 31 de decembro vencía o actual convenio dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, cuxa vontade de renovación por outros tres anos foi manifestada esta mañá. A día de hoxe son 24 os grupos operativos en Galicia, que desenvolven actuacións tan fundamentais como as relativas á prevención dos incendios nos montes galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario