O Sergas realiza a próxima semana 11 obradoiros formativos para coidadores de persoas inmobilizadas
O seu obxectivo é, ademais de apoiar e recoñecer o labor que realizan, mellorar os seus coñecementos en prevención de úlceras por presión e outras lesións asociadas á humidade
Terán lugar en Carballo, A Coruña, Ribadeo, A Pastoriza, Oroso, Nigrán, Ferrol, Caldas de Reis, Cenlle e Vigo
O Servizo Galego de Saúde realizará os días 4 e 5 de novembro 11 obradoiros formativos para coidadores de persoas inmobilizadas, coincidindo coa celebración, o día 5, do Día do Coidador.
O obxectivo desta iniciativa é, ademais de apoiar e recoñecer o labor que realizan, mellorar os seus coñecementos en prevención de úlceras por presión e outras lesións asociadas á humidade.
Estas dúas patoloxías supoñen uns dos problemas máis importantes para estes pacientes e para o seu contorno. Polo tanto, os relatores dos talleres -todos eles Referentes en feridas do Sergas- promoverán mediante a información, o consello e a educación que os participantes avalíen e apliquen os coidados que proporcionan e as medidas de autocoidado na súa vida cotiá, xa que o mellor tratamento para evitar este tipo de lesións é a prevención, na que os coidadores son os protagonistas.
Os obradoiros impartiranse en horario de tarde (de 16,30 h a 19,30 h) e terán sesións en Carballo, A Coruña, Ribadeo, A Pastoriza, Oroso, Nigrán, Ferrol, Caldas de Reis, Cenlle e Vigo (dúas edicións). Todos eles serán o día 5 agás o de Carballo, que se realizará o día 4 de novembro.
As persoas interesadas en apuntarse poden facelo a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, onde os atoparán baixo o título Taller para coidadores. Promoción de coidados en pacientes inmobilizados: Prevención de úlceras por presión e lesións asociadas á humidade.
A actividade está organizada pola Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, dentro do programa Úlceras Fóra, xunto coa Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade e en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario