26 de nov. de 2015

PONTEVEDRA

Xosé Leal "o humor na nosa lingüa ten unha capacidade para comunicar moi efectiva" 

O deputado de cultura acompañou ao humorista gráfico Luis Davila na sesión do ciclo 'En Paralelo'

Xosé Leal, Octavio Beares e Luis Davila

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Cultura, Xosé Leal, presentou esta tarde a charla do ciclo 'En Paralelo', que estivo dedicada á obra do humorista gráfico Luis Davila. Na súa intervención, Leal afirmou que "o humor na nosa lingüa ten unha capacidade para comunicar moi efectiva e Luis Davila conecta de xeito maxistral coa idiosincrasia galega e coa nosa identidade social e cultural". Destacou que "o convidado desta sesión ten unha gran habilidade para tratar a actualidade e a forma de ser propia da sociedade galega desde unha posición crítica e enxeñosa ao mesmo tempo". Xosé Leal acompañou a Luis Davila e ao experto no mundo do cómic, Octavio Beares, no coloquio que se celebrou esta tarde no Sexto Edificio do Museo e que versou sobre a obra do coñecido humorista.  

 Luis Davila, coñecido polas viñetas que diariamente publica en prensa baixo o pseudónimo 'O Bichero', falou da súa obra e da súa traxectoria como humorista, afondando nos temas nos que se inspira e que usa para o seu traballo cotiá, así como na súa visión da sociedade actual. A charla, que tivo formato de coloquio, estivo conducida por Octavio Beares e permitiulle ao público conversar e interactuar co humorista. 

 Luis Davila, natural de Bueu, publica diariamente unha viñeta en prensa, ten editados cinco libros e exerce como blogger desde maio de 2007. Deseñador gráfico pola Escuela de Artes y Oficios Pablo Picasso de A Coruña, achéganos á realidade diaria do país desde o humor e o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos e galegas.  

 Pola súa banda, Octavio Beares escribe unha sección fixa sobre historieta para o diario Faro de Vigo desde 2009, e desde o 2011 mantén o blog sobre cómic 'Serie de Viñetas' . É colaborador en publicacións dixitais, para as que escribe sobre temáticas sempre relacionadas co cómic, como Culturamas, e a revista online 'Tebeos en palabras'. En novembro de 2012 foi o coordinador do ciclo de charlas "Primeiros encontros coa Banda Deseñada: o cómic no museo", para o Museo de Pontevedra e no 2014 comisariou a exposición 'Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI'.  

 O ciclo 'En paralelo. Noites de literatura e cine' comezou a celebrarse en abril de 2013 e, desde entón, vén cumprindo cunha cita mensual no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo provincial. Trata de achegar ao público a figura ou o xénero dun escritor ou personaxe destacado da cultura galega. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario