O PP asegura que a Deputación pon en risco a supervivencia dos clubs deportivos e entidades culturais da provincia
• A presidenta da Deputación di que as axudas nominativas eran “ilegais” e aproba en Vigo subvencións deste tipo por valor de máis de 4,6 millóns de euros.
• Nos Orzamentos da Deputación 2016 desaparecen as axudas directas a clubs deportivos e entidades culturais.
Ángel Moldes, voceiro provincial do PP
Infogauda / Pontevedra
O Partido Popular asegura que a “nova Deputación de Pontevedra” está poñendo en risco a supervivencia dos clubs deportivos e asociacións culturais de toda a provincia ao desaparecer as subvencións nominativas nos Orzamentos de 2016.
Mentres que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fai desaparecer este tipo de axudas da administración provincial, escudándose en que son “ilegais”, no Concello de Vigo acaban de aprobar para 2016 un orzamento que conta con máis de 4.624.531,31 euros só para axudas desta índole e para un total de 77 convenios.
A modo de exemplo, os populares explican que o Concello de Vigo vai destinar 114.500 euros para unha subvención ao equipo de balonmán Academia Octavio Balonmano, 150.000 á Fundación Celta de Vigo ou 45.000 euros a repartir entre sindicatos de Vigo.
Ao contrario do que acontece na cidade na que a presidenta da Deputación é concelleira, os Clubs deportivos e asociacións culturais da provincia descoñecen que é o que vai pasar co seu futuro, pero a primeira intención do bipartito da Deputación é que desaparezan, posto que segundo as palabras da presidenta “son ilegais”.
O voceiro provincial do PP, Ángel Moldes, considera que esta é unha forma máis de discriminar ao resto da provincia mentres os clubs de Vigo se ven “reforzados”. E transmite a preocupación das directivas que a día de hoxe descoñecen cal vai ser o apoio a partir de agora da institución provincial.
“Mentres non ten problemas en darlle axudas directas aos clubs, asociacións e incluso sindicatos de Vigo, cos do resto da provincia di que é imposible e elimínaos dos presupostos”, afirma Ángel Moldes. O voceiro popular pregunta “que vai pasar con convenios como o do C.F. Pontevedra, o SD Teucro ou o de Poio Pescamar fútbol sala, por exemplo, que desaparecen do documento”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario