ASEMBLEA ABERTA DE NÓS-CANDIDATURA GALEGA EN TUI
Nós-Candidatura Galega
NÓS nace despois dun longo proceso social para a construción dunha candidatura galega de unidade que tivese Galiza como único suxeito de referencia e un grupo parlamentario propio como obxectivo. Máis nada e, á vez, tanto. Para NÓS eran premisas irrenunciábeis, de lei, se a fin é que Galiza estea presente onde se toman decisións que tanto nos afectan. No camiño, con xenerosidade, fóron dándose pasos para o encontro. Mais na outra cara están todas aquelas persoas e organizacións (BNG, Coalición Galega, FOG, Partido Galeguista, PCPG) que decidiron sumar forzas en NÓS, que creron que o país merecía altura de miras e volveron estreitar as mans, a se encontrar no mesmo camiño, a sementar de novo ilusión porque, ben o sabemos, é moito o que está en xogo.
Nós-Candidatura Galega é a candidatura do País. A garantía de que Galiza vai ter voz propia, a forza que ecoa de forma colectiva un futuro de seu. NÓS somos eu, ti, ela, el… Calquera que se sume a un proxecto común que nace con vontade de medrar, co desexo de enlazar os brazos nunha cadea humana inmensa, en que as cuestións sociais e nacionais pasen a primeiro termo, no desexo dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Nesa cadea, reservámosche un espazo para que partilles con Nós o entusiasmo que se sente cando sabes que camiñas á par de quen ten o teu mesmo destino. Construíndo unha rede solidaria, man a man, persoa a persoa.
Con todo isto, convocamos unha Asemblea Aberta este martes 1 de decembro ás 20:30 no Centro Cultural de Guillarei, onde calqueira persoa de xeito voluntario vai poder participar e facerse voluntari@ no proceso de cara ás eleccións xerais.
É a hora do pobo, é hora de que unamos forzas para que a nosa Terra poida ter unha voz propia e potente no Congreso dos Deputados.Por iso animamos a toda a veciñanza de Tui a que se unan a Nós neste proceso.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario