A Xunta prioriza a seguridade das persoas na loita contra a velutina e busca minimizar os seus efectos negativos noutros ámbitos
Así o explicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias na apertura dunha xornada formativa sobre o control desta especie invasora
Belén do Campo na sede da Academia Galega de Seguridade Pública
Infogauda / Galicia
O Plan de vixilancia e control da vespa velutina que desenvolve a Xunta ten como obxectivo prioritario eliminar ou inactivar aqueles niños desta especie invasora que, por calquera razón, supoñan de verdade un risco evidente para as persoas. Ademais, tamén se está a traballar, por suposto, para minimizar na medida do posible os efectos desta vespa en diferentes ámbitos, como o apícola ou o medioambiental.
Así o explicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na inauguración dunha xornada informativa sobre o control da vespa velutina que tivo lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na localidade pontevedresa da Estrada.
Belén do Campo trasladou que, no aspecto da seguridade das persoas, o risco que supón a velutina non é superior ao doutras vespas, como a autóctona. Insistiu ademais en que non deberíamos considerar que representan un risco aqueles niños asentados a máis de 30 metros de altura, aínda que non se retirasen de inmediato.
A directora xeral explicou que xornadas como esta teñen por finalidade mellorar a coordinación na loita contra esta especie invasora, na liña de impartir a formación axeitada e incrementar a información á cidadanía. Todo isto, advertiu, sen esquecer os esforzos que se están a realizar para promover a investigación e para conseguir o asesoramento de expertos entomólogos, co fin de conseguir novos métodos de control.
Belén do Campo insistiu en que desde o primeiro momento que se tivo coñecemento da aparición da velutina en Galicia tomáronse medidas para atallar o problema e minimizar as súas consecuencias, pero –engadiu– “non podemos deixar de mellorar as nosas actuacións”, e de aí a celebración de xornadas formativas como esta.
Información
Esta acción vai dirixida ao persoal dos servizos veterinarios oficiais e distritos forestais, así como a persoal dos distritos ambientais e da Consellería de Sanidade, para facilitarlles todo tipo de información sobre a problemática xerada por este insecto. O programa da xornada inclúe referencias á visión do sector apícola en relación con esta especie, aos aspectos biolóxicos e técnicos de interese práctico, aos métodos de control aplicados no protocolo de actuación en Galicia, ás experiencias prácticas dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e á repercusión da vespa velutina na saúde.

Ningún comentario:
Publicar un comentario