12 de nov. de 2015

PONTEVEDRA

Sobre o Fondo Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra

Para o Partido Popular, non dicir nada e a carta que reciben os alcaldes é o mesmo

Nidia Arévalo entende que é unha resposta rápida para saír do paso ás críticas que fixeron os populares nas últimas semanas • Faltan moitas preguntas por contestar: de canto diñeiro estamos falando? Canto lle vai a corresponder a cada concello? Canto corresponde a cultura? E a deporte?

Ángel Moldes: “se a cifra que se vai a destinar aos concellos son os 40 millóns dos que falan, as contas non nos dan”


Ángel Moldes e Nidia Arévalo, voceiros do grupo provincial do Partido Popular,na rolda de prensa deste xoves

Infogauda / Pontevedra

 Para o Partido Popular a carta que están recibindo os alcaldes sobre o Fondo Concellos 2016 e non dicir nada é o mesmo. Así o manifestaron esta mañá os voceiros do grupo provincial, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, que denuncian que é un escrito sen contido, que non aclara nin informa de nada novo, e que claramente é unha resposta rápida para saír do paso das críticas que vén facendo o PP a través das reunións que nas últimas dúas semanas está realizando con voceiros e alcaldes polas diferentes comarcas, e nas que denunciaban as dificultades que esta falta de información está provocando nos concellos para redactar os orzamentos de 2016. 

 Para Nidia Arévalo “falta concreción de orzamento, faltan cantidades para cada un dos apartados, e faltan bases ben redactadas de reparto. Falta todo. Aquí hai improvisación, a mesma que veñen amosando desde xullo”.

 “Esta carta faise tarde, mal e a correr. Necesitamos máis información. Estamos igual que en xullo, pero o máis grave é que queren enganar aos alcaldes con unha carta que non di nin aclara nada”, critica. Para a deputada faltan moitas preguntas por contestar: “de canto diñeiro estamos falando? Canto lle vai a corresponder a cada concello? Canto corresponde a cultura? E a deporte? Non sabemos nada. Temos a mesma incerteza que tiñamos no mes de xullo. Moi boas palabras, moito abrir portas e ventás, que non hai libre disposición... pero queremos máis”. 

 Os deputados populares reclaman “máis información, máis transparencia coas cantidades e máis comunicación para alcaldes, para clubs deportivos, asociacións veciñais e colectivos culturais, que teñen necesidade de saber que van a pasar coas liñas de subvencións de concorrencia competitiva e que non teñen ningún tipo de información a día de hoxe”. 

 Dise na carta que este Plan Concellos 2016 suporá unha mellora de condicións para os concellos, que suporá un incremento das subvencións  e que o importe fixo será moi superior para todos os concellos. Ángel Moldes pono en dúbida: “se a cifra que se vai destinar aos concellos son os 40 millóns dos que falan, as contas non nos dan. Isto é irrisorio, unha mentira, unha farsa de todo o que veñen anunciando. Un gran plan que ía dar solución a todos os problemas dos concellos. Sen saber a cifra exacta do Plan de Concellos 2016, que anda ao redor dos 40 millóns, temos o dato do anterior goberno. Case 50 millóns de euros”. 

 En 2015, só en plans específicos para os concellos a Deputación de Pontevedra destinou 41 millóns de euros por concorrencia competitiva. Se lle suman as axudas directas a asociacións veciñais, colectivos culturais e clubs deportivos, a cifra ascende a 50 millóns de euros. A parte estarían os convenios específicos con cada concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario