17 de nov. de 2015

A GUARDA

A Biblioteca Municipal amplía os clubes de lectura a un público infantil e xuvenil


Importante participación de persoas no clube de lectura da Biblioteca Municipal
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 A biblioteca Municipal do Concello de A Guarda amplía os clubes de lectura para o público infantil e xuvenil. 

 Isto é, dende hoxe, martes 17 de novembro, e ata o próximo venres día 27, todos aqueles lectores con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos poden apuntarse na biblioteca para participar nesta iniciativa.  

 Xa está fixada a primeira reunión para este grupo que será o sábado, día 28, ás 11 horas. Créanse clubes para esta franxa de idade debido ao interese dos propios usuarios.
Gran participación  
 O venres, día 13 de novembro, ás 19 horas tivo lugar a primeira reunión do Clube de lectura adulto na Biblioteca Municipal. A xuntanza, na que participaron 14 persoas, estivo coordinada pola bibliotecaria, María Soledad Diz Amil.   

 A reunión foi todo un éxito, cunha gran participación das persoas do grupo que comentaron os seus gustos literarios, experiencias sobre as súas lecturas ou suxestións de libros para ler.  

 Os membros do clube acordaron xuntarse unha vez ao mes para comentar un libro que será prestado pola biblioteca e elixido por eles.  

 Con este tipo de iniciativas, a Concellería de Cultura e Educación, que dirixe Elena Baz Rodríguez, busca fomentar e promocionar a lectura e achegar a biblioteca municipal a todos os veciño do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario