O PP acusa ao alcalde de reunirse cos comerciantes para a campaña de Nadal improvisando e sen presupostos nin iniciativas
• “Foi un goberno socialista o que decidiu hai un tempo que o alumeado e a decoración do Nadal eran cousa do concello, agora os socialistas mudaron de opinión. O que ten que facer un goberno municipal é apoiar aos comerciantes, non só nas campañas, como neste caso a de Nadal, senón tamén noutras cuestións de futuro como a ordenación do tráfico rodado e a procura de zonas alternativas de aparcadoiro”, explica Conchi Ortega.
• Insta ao concello, ademais, a que celebre unha reunión cos comerciantes seria e rigorosa, onde presentando un proxecto e un orzamento, para que os empresarios poidan consensuar e apoiar, se así o deciden, a campaña de Nadal con datos na man.
Imaxe de arquivo da Rúa Brasilino Álvarez Sobrino co alumeado de un Nadal precedente
Foto: J.C.C.M.
Infogauda / A Guarda
Mediante unha nota de prensa remesada á Redacción deste xornal dixital, os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de A Guarda critican “que o alcalde do concello guardés convoque unha reunión con comerciantes para a campaña do Nadal, a poucos días do seu comezo, e non leve nin sequera un presuposto, xunto con un proxecto”.
“O Partido Popular critica que o Goberno local lle pida aos comerciantes que financien o alumeado sen saber que porcentaxe do orzamento lles corresponde a eles do total”, e consideran “de moi mal gusto que se sinale cunha árbore de Nadal aos establecementos que achegan financiamento, o que quere dicir que quedarán sinalados tamén os que non poidan pagar esa especie de canon imposto”.
“Non é a primeira vez que o Goberno Local improvisa desta forma - incide Conchi Ortega, concelleira portavoz dos populares de A Guarda-. Incluso nalgunha ocasión solicitaron financiamento a outras administracións sen achegar os proxectos e orzamentos de obras que pretendían facer”.
Conchi Ortega afirma que “na reunión celebrada cos comerciantes, o alcalde incluso falou dun incremento do presuposto respecto a anos anteriores, pero sen precisar e sen presentar documentos que o avalen, polo que se supón que hai preguntas sen resposta: ¿vai haber máis rúas alumeadas? ¿Qué tipo de alumeado eficiente se vai a poñer?”.
Desde o Partido Popular consideran que “o alcalde non tivo en conta as dificultades económicas que poidan estar atravesando os comerciantes do municipio”. A ese respecto Conchi Ortega considera que “hai moitos comercios que non é que non queiran apoiar a campaña, senón que non poden, porque coas súas vendas malamente poden facerse cargo dos impostos que lles corresponden, e algunhas incluso acabaron pechando”.
Os concelleiros do PP relembran ademais que “foi un goberno socialista o que decidiu hai un tempo que o alumeado e a decoración do Nadal eran cousa do concello, agora se mudaron de opinión, teñen que acompañalo de apoio aos comerciantes, tanto nas campañas, como noutras cuestións de futuro como tráfico e aparcadoiros”.
Finalmente Conchi Ortega insta ao concello “a que celebre unha nova reunión cos comerciantes mais seria e rigorosa, onde cun proxecto e un orzamento os empresarios, se así o deciden, poidan consensuar e apoiar a campaña de Nadal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario