O BNG solicita a posta en marcha dunha nova gardería municipal
Para o BNG a falta de prazas na gardería municipal non axuda á conciliación familiar
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O BNG presentou unha moción para tratar no pleno do próximo venres na que se solicita “a posta en marcha dunha nova gardería municipal da Guarda e a modificación da ordenanza actual para que o servizo afonde realmente na conciliación familiar”.
“Ano tras ano vemos como un gran número de solicitudes quedan fóra pola falta de prazas e por unha ordenanza que non facilita a conciliación laboral das parellas, especialmente as mulleres”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG queda claro que “a actual xestión da gardería é custosa con respecto a de concellos próximos e ten un número insuficiente de prazas”.
“O BNG quere lembrar que no seu momento tanto o PP como o PSOE tiveron a oportunidade de traspasar a xestión do servizo de gardería municipal á Xunta de Galiza co conseguinte alivio para as arcas do concello, pero puideron máis as cuestións localistas que a prestación dun servizo mellorado”, afirmou Baz Vicente.
A moción nacionalista solicita a petición á Xunta de Galiza da construción dunha gardería municipal dentro da Rede de Escolas Infantís de Galiza, para o cal o Concello de A Guarda deberá poñer terreos a disposición do ente autonómico.
Para o BNG “é fundamental a conciliación familiar e laboral para favorecer a fixación de poboación no concello da Guarda, polo que aumentar substancialmente as prazas públicas de gardería é imprescindíbel se queremos que a mocidade siga vendo o noso concello como un lugar onde poder desenvolver un proxecto de vida”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario